Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Galicia celebra as súas letras, música e patrimonio nos Premios da Cultura

Feijóo acompañado por Román Rodríguez y los galardonados con los Premios da Cultura 2016
Feijóo acompañado por Román Rodríguez y los galardonados con los Premios da Cultura 2016
A gala, conducida por Noelia Otero e na que tiveron vital importancia as alusións ás Irmandades da Fala, contou con distintas intervencións artísticas

Letras, artes plásticas e escénicas, música, audiovisual, lingua, patrimonio cultural e proxección exterior tiveron outros tantos premiados, figuras crave para a realidade galega, nos Premios da Cultura correspondentes a 2016, outorgados este luns pola noite no Museo Centro Gaiás, en Santiago. O escritor, conferenciante e comisario de exposicións Miguel Fernández Cid, que dirixiu entre 1998 e 2005 o Centro Galego de Arte Contemporánea, sinalou ao recibir a súa distinción no apartado de Artes Plásticas que o 16 é un número que está sempre moi presente na súa vida e, por iso, non lle estrañou ser recoñecido na edición correspondente a 2016.

Fixo no seu discurso unha acesa defensa da arte galega e mostrou o seu desexo da "esperanza de visibilidade, presenza e participación activa" na sociedade, porque os espazos culturais e os artistas dan moito máis do que piden, observou, entre outras cuestións, "identidade"; á parte de ser "referentes".

Na modalidade de Artes Escénicas, a dramaturga e directora de Sarabela Teatro, Ánxeles Cuña, considerou que o mellor premio é ter traballo, reclamou a baixada do Ive cultural, co desexo de non ter que volver pedilo; e lembrou que en Galicia florece a arte até debaixo das pedras, polo que apremou a manter unha "longa e fructuosa cultura nosa".

En Lingua, o presidente da Irmandade Xurídica Galega (Ixuga), Xaquín Monteagudo, destacou a importancia de conseguir este logro da lingua propia na Xustiza por ser un "fito imprescindible" e un eixo vertebral. Na actualidade, a Ixuga, que se constituíu como organización específica en 2008, aglutina a máis de trescentos axentes do sector, desde xuíces a fiscais, así como avogados, procuradores e persoal funcionario dos órganos xurisdiccionais.

En Música, Maximino Zumalave, que hoxe concentra a súa tarefa na Real Filharmonía de Galicia, deu "grazas" pola oportunidade que tivo de levar a música a todas partes, non soamente aos seus oíntes habituais, e, á súa vez, por contribuír, modestamente, a enriquecer o atractivo cultural de Galicia. Tamén apuntou que "a nosa vida é mellor con música" porque "necesitamos as cousas útiles, pero tamén as fermosas", polo que destacou o bonito que sería facer música para os que non teñen traballo, para os marxinados, porque pode axudar a combater o desánimo.

No apartado de Audiovisual, por Numax, a primeira sala de cinema galega integrada na rede de exhibición Europa Cinemas, un dos impulsores desta cooperativa abundou na importancia de consolidar este proxecto e de permitir que outros na liña deste xerminen.

Por Proxección Exterior, Elena Zernova, nacida en San Petersburgo, cun denodado interese polas linguas e culturas minoritarias da península ibérica, agradeceu por videoconferencia esta honra, que aceptou de "todo corazón", con moita alegría. A súa paixón pola cultura galega débella aos "clásicos" e a súa penetración na súa idiosincrasia vincúlaa ao seu trato con profesores e xente de Galicia que "conserva e coida a súa fermosa lingua".

En Patrimonio Cultural, o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, rememorou as orixes, a apertura ao público en 1929 desta pinacoteca e o seu rol neste momento de museo provincial máis grande de España. "Constancia, traballo e amor", fixou na súa alocución como folla de ruta a seguir, igualmente para os que ostenten responsabilidades políticas.

Por Letras, a escritora, catedrática e pensadora feminista María Xosé Queizán aproveitou a súa quenda para facer o que mellor sabe, xuntar letras por un mundo mellor e dar lectura a un texto.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, apuntou que "a cultura e a creatividade son alicerces básicos que nos sitúan no mundo". E o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu a elaboración dun Plan da Cultura Galega, acordado co sector, para fixar as liñas mestras de actuación para os próximos anos, unha "creación colectiva feita por todos e para todos".

Enxalzou Núñez Feijóo a contribución dos galardoados a unha Galicia "máis libre", a "ser como queremos ser"; non en balde o pobo galego "creou unha identidade colectiva, fíxose presente no mundo e perpetuou a súa pegada na historia".

A gala, conducida por Noelia Otero e na que tiveron vital importancia as alusións ás Irmandades da Fala, contou con distintas intervencións artísticas, como a vital de Manolo Paz, autor das pezas en bronce entregadas, unha creación que baixo o título Froito representa os logros da vida, resultado do traballo, o esforzo e a constancia. Así mesmo, foron claves nesta cerimonia a caligrafía de Nacu, a modo de fío condutor; a escenografía e creación de Suso Montero, os audiovisuais de Sr. Pause, a percusión de Lucía Martínez, o oboe de Sara Fernández, o fagot de Javier Sánchez, a música do gaiteiro Budiño e a arte do coro Cantigas e Agarimos.

Os Premios da Cultura Galega convócanse anualmente e supoñen o recoñecemento ao labor de persoas, colectivos e institucións en diferentes ámbitos da cultura. Un xurado multidisciplinar elixe aos premiados, despedidos sempre co himno.

Galicia celebra as súas letras, música e patrimonio nos Premios da...
Comentarios