Galicia activa un protocolo de intervención para adaptar a aprendizaxe de alumnos con dislexia

O proxecto trata de "acabar co estereotipo" que circula tanto nas aulas como nas rúas de que "o neno con dislexia só ten problemas de escritura, que confunde as letras ou as inverte"
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentaen rolda de prensa o Protocolo para a intervención psicoeducativa da dislexia e outras dificultades específicas da aprendizaxe. Estará acompañada da presidenta da Asociación Galega de Dislexia (Agadix), Esther López Carbajales, coa que asinará un convenio de colaboración.
photo_camera A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentaen rolda de prensa o Protocolo para a intervención psicoeducativa da dislexia e outras dificultades específicas da aprendizaxe. Estará acompañada da presidenta da Asociación Galega de Dislexia (Agadix), Esther López Carbajales, coa que asinará un convenio de colaboración.

O sistema educativo galego dispón dun novo protocolo de intervención que axudará aos centros escolares, ás familias, aos servizos de orientación e ao propio alumnado a manexar os casos de dislexia ou outras dificultades da aprendizaxe. Desta maneira, inclúense cambios de método de ensino para "axustar a proposta educativa" a eses estudantes e tentarase sacar o maior partido posible das súas "potencialidades, intereses e ritmos de aprendizaxe"

Esta nova ferramenta foi ratificada este mércores pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, a presidenta da Asociación Galega de Dislexia (Agadix), Esther López Carbajales, e o director xeral de Educacion, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, a través da firma do protocolo. Pormar explicou que este recurso "visibiliza as alertas que permiten identificar as dificultades para pór en marcha todos os recursos humanos e materiais presentes nos centros e actuar desde a intervención psicoeducativa e a prevención" con ferramentas TIC. 

A desmotivación, a frustración ou ter que facer un maior esforzo constantemente no proceso de aprendizaxe poden "atallarse" con este tipo de protocolos

Neste sentido, a conselleira destacou como "importantísimo" que o alumnado perciba que "se comprende a súa realidade e que vai ter axuda". Isto supón un "punto de partida fundamental" para que senta "tranquilo e seguro" e que, ao mesmo tempo, sexa consciente de que "se lle esixirá o esforzo" pertinente de acordo ás súas "capacidades e fortalezas".

PREVIR, IDENTIFICAR E ACTUAR.. Esta nova ferramenta para mellorar a atención á diversidade "implica a colaboración e a participación do alumnado, profesorado, familia e servizos de orientación" dos centros educativos. De feito, o documento inclúe diferentes epígrafes dirixidos a cada un dos grupos para que saiban como "identificar os factores de risco, como previlos e como actuar" cando aparecen estas dificultades. 

A xuízo de Pomar, "a dislexia non é fácil de detectar" en ningún dos contextos nos que se manifesta esta alteración. Por iso, todos os ámbitos deben colaborar e axudar a "mellorar os resultados" de alumnos con dislexia ou calquera outro tipo de dificultade. 

Ás veces, a dislexia confúndese co déficit de atención porque o estudante "perde o fío" e ás veces "son torpes a nivel motriz"

A desmotivación, a frustración ou ter que facer un maior esforzo constantemente no proceso de aprendizaxe poden "atallarse" con este tipo de protocolos. Algunhas das "claves" que recolle este documento pasan por diferenciar os factores de risco ou a identificación dos problemas en base á idade do estudante. Sobre isto, Esther López subliñou que, por exemplo, "de 3 a 6 anos non se ten adquirida a lectura nin a escritura", por iso débese manexar de forma diferente á situación dun alumno de primaria. 

A presidenta da Agadix tamén considera "necesaria" esta "guía de actuación", tanto para os docentes "que se quere implicar e facer as cousas o mellor posible" como para as familias "porque é unha forma de saber que indicadores" poden ver nos fillos e fillas "con dificultades á hora de estudar e enfrontarse a esta situación".

O protocolo busca coidar o benestar emocional de alumno ou a alumna

"ACABAR CO ESTEREOTIPO". Ademais, Carmen Pomar tamén sinalou que este proxecto trata de "acabar co estereotipo" que circula tanto nas aulas como nas rúas de que "o neno con dislexia só ten problemas de escritura, que confunde as letras ou as inverte, cando a dislexia vai moito máis alá". 

Algunhas das alertas ás que a comunidade educativa e as familias deben prestar atención son os aspectos relacionados "coa psicomotricidade, a intelixencia e o ámbito social". Ás veces, confúndese co déficit de atención porque o estudante "perde o fío" e ás veces "son torpes a nivel motriz". 

Por este motivo, resulta importante "prestar atención" a isto sobre todo na primeira infancia, porque "se se detecta a tempo" pódese adaptar o sistema de aprendizaxe desde primaria. 

Comentarios