Freixanes subliña a necesidade de "empuxar nunha mesma dirección" na defensa do galego

"Non están os tempos para andar divididos", remarca o presidente da RAG tras a súa reunión co presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices
Víctor Freixanes (esquerda) e Miguel Santalices
photo_camera Víctor Freixanes (esquerda) e Miguel Santalices

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, remarcou a necesidade de que "todas as institucións civís e públicas" de Galicia empuxen "nunha mesma dirección" nas cuestións relativas á lingua galega.

O recentemente elixido presidente da RAG mantivo este luns un encontro co presidente da Cámara galega, Miguel Santalices. Unha reunión que, segundo sinalou Freixanes aos medios ao termo da reunión, virou ao redor da "filosofía".

"Viñemos falar de filosofía, de se compartimos non compartimos as preocupacións básicas no galego e o seu futuro. É algo fundamental que todas as institucións civís e públicas, incluída a Academia, debemos empuxar nunha mesma dirección", manifestou Freixanes.

O encontro mantívose ao longo de máis de media hora no despacho do presidente do Parlamento. Freixanes continúa así coa súa rolda de contactos tras asumir a Presidencia da RAG logo do encontro mantido co titular do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, celebrada a semana pasada. Unha reunión que o académico encadrou dentro do marco "institucional" e de "cortesía" na que recibiu "toda a receptividade" de mans de Santalices, "do mesmo xeito que co presidente (Feijóo)".

"Despois hai que pasar aos feitos concretos. Ese será o próximo capítulo", apostilou. "Non están os tempos para andar divididos ou facendo guerrilla cada quen pola súa conta. Se nesa filosofía estamos de acordo, os proxectos irán saíndo cando vaian saíndo", expresou Víctor Freixanes.

Comentarios