Foro Asturias rexeita presidir a comisión do Alvia, tal e como propoñen PP e PSOE

A plataforma de vítimas pídelle a Martínez Oblanca que "por coherencia" non acepte 

O PP e o PSOE volveron a insistir en que sexa o deputado de Foro Asturias o que presida a comisión de investigación do accidente do tren Alvia no Congreso dos Deputados, segundo confirmaron fontes parlamentarias. 

Populares e socialistas xa llo ofreceron semanas atrás e inicialmente rexeitouno, pero a pesar diso os maioritarios van redobrar a presión. 

Martínez Oblanca aínda non confirmou publicamente se aceptará a oferta, mentres a plataforma de vítimas xa lle pediu publicamente que non o faga. 

Como vén sendo habitual coas comisións de investigación, o PP e o PSOE adoitan apostar por que a presidencia recaia nun partido minoritario, e de feito neste caso foron tenteando sen éxito a Ciudadanos, Foro Asturias e UPN. Estes dous últimos, Foro Asturias e UPN, son os únicos partidos, xunto aos populares, que votaron en contra da comisión, cuxa creación se aprobou fai case cinco meses, para investigar eventuais responsabilidades no sinistro ocorrido en Angrois en xullo de 2013, que deixou 80 mortos e 144 feridos. 

Tras estas negativas, consultouse a Compromís, aínda que este partido, ao formar parte do grupo mixto, non ten praza na comisión de investigación xa que a representación correspóndelle ao PDeCAT, que inscribiu ao seu deputado Feliu Guillaumes. Os independentistas si se mostraron abertos a valorar a posibilidade de presidir a comisión, pero o PP non o vía como solución. 

Por iso, os populares estaban dispostos a encargarse, unha posibilidade que os socialistas vían con bos ollos, pero a idea non acabou de pecharse, segundo as citadas fontes, ante as protestas de En Marea, que non aceptaba que o PP, que precisamente votou en contra de crear a comisión, acabase presidíndoa. 

Os dous partidos maioritarios decidiron reiterar a oferta ao representante de Foro Asturias, que non suscita discrepancias entre o resto de grupos e confiando en que agora si o asturiano aceptará. 

"QUEREN UNHA COMISIÓN FLOREIRO". Pola súa banda, as vítimas do accidente manifestaron o seu rexeitamento a través da conta da plataforma en Twitter, onde se dirixen directamente a Martínez Oblanca, ao que lle din que "por coherencia e para non engadir máis dor" esperan que non acepte presidir a comisión, despois de oporse a ela. 

En declaracións a Europa Press, unha das portavoces da asociación, Teresa Gómez-Limón, considerou "indignante" que PSOE e PP "queiran taparse as vergoñas". "O mesmo que se uniron para evitar a comisión, agora a xogada é facer unha comisión pero que sexa un floreiro", criticou. 

Comentarios