Fomento anuncia as expropiacións de terreos para o AVE en Vedra e Boqueixón

O Ministerio de Fomento vén de facer pública a resolución pola que se informa do comezo das expropiacións dos terreos precisos para que o ADIF execute as obras do tramo do AVE entre Santiago e Ourense ao seu paso polos concellos de Vedra, Boqueixón, A Estrada e Silleda.

Entre a lista de expropiacións aparecen 7.281 metros cadrados de terreo, repartidos en 16 parcelas, propiedade da empresa Ramsa, concesionaria da explotación da mina de Serrabal.  Con todo, fontes do concello de Boqueixón aseguraron que estes terreos expropiados non afectan aínda a dominios mineiros, senón que se trata doutras parcelas que a empresa posúe na zona, pero que non son estritamente da mina de Serrabal.

En conxunto, o total de fincas que se expropiarán segundo este anuncio achéganse ao medio milleiro, todas elas no tramo Lalín-Santiago e os subtramos Dornelas-Vedra e Vedra-Boqueixón. Entre os outros propietarios máis afectados polas expropiacións figuran os concellos de Vedra e Boqueixón, con 12 e máis de 20 parcelas afectadas respectivamente.

O comité de empresa, en contra
A partir do anuncio das expropiacións, os afectados teñen 15 días hábiles para presentar alegacións. Descoñécese se Ramsa ten previsto presentar alegacións contra o procedemento de expropiación.

Pese ás informacións que aseguran que os terreos expropiados non son estritamente parte da mina de Serrabal, os representantes do comité de empresa de Ramsa xa amosaron o seu rexeitamento ao auncio do inicio das expropiacións feito polo Ministerio de Fomento.

Sindicatos e traballadores continúan a reclamar que se modifique o trazado do AVE para que non afecte á mina de cuarzo. Segundo denuncian, as obras do AVE afectarían á veta de mineral principal da mina, provocaría a perda de empregos  e perderíase a oportunidade de extraer grande cantidade de silicio apto para a industria solar.

Pola súa banda, tanto a Xunta como o Ministerio de Fomento sosteñen que a afectación á mina de Serrabal sería mínima e que un cambio de trazado retrasaría a chegada da alta velocidade a Galicia cando menos dous anos.

Comentarios