Guerra de cifras na folga do persoal de extinción de incendios

Unha das primeiras manifestacións do persoal contra incendios, en xullo. Foto: Pepe Ferrín.AGN
photo_camera Unha das primeiras manifestacións do persoal contra incendios, en xullo. Foto: Pepe Ferrín.AGN

A primeira xornada de folga convocada para este mes por CC.OO e CSI-CSIF avivou de novo a guerra de números entre os sindicatos e Medio Rural. Mentres os primeiros aseguran que conseguiron reunir a 500 traballadores do Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais, a Consellería conta só 7 brigadistas.

As dúas organizacións sindicais amósanse satisfeitas co respaldo obtivo nos actos de protesta, que se concentraron nas sés dos 19 distritos forestais galegos. E todo isto pese a que os servizos mínimos fixados pola Consellería do Medio Rural buscaban, ó su xuízo, "tapar o conflito e facer fracasar as mobilizacións".

Pola súa banda, dende Medio Rural aseguran que os partes dos turnos de noite e de mañá remitidos dende os distritos forestais revelan que, dos 324 efectivos con posibilidade de respaldar o paro, só un traballador ourensán e seis pontevedreses se ausentaron do seu posto. Os datos contabilizáronse unha vez detraídas as quendas, as libranzas programadas e os cadrantes de descanso, así coma o persoal encargado de satisfacer os servizos mínimos.

A guerra de números emerxe de novo ó falar do persoal en folga na provincia de Lugo. Mentres dende CC.OO calculan que a metade da plantilla que non ten que afrontar os servizos mínimos está a secundar o paro, os datos do Medio Rural informan de que ningún operario faltou hoxe ó seu traballo polo que o seguimento da folga é do "0,0%". En palabras do delegado do Medio Rural en Lugo, Emilio López Pérez "despois de revisar distrito por distrito comprobamos que ningún traballador apoia as mobilizacións".

Agardando unha resposta
Respecto do conflito que enfronta a CC.OO e CSI-CSIF coa Consellería do Medio Rural, dende esta última confirman que agardarán polo resultado do recurso interposto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que o pasado marzo anulou o acordo de eficacia limitada asinado entre a Administración galega e os sindicatos UGT e CIG.

Ata daquela, Medio Rural asegura que non actuará e que non aceptará outra alternativa, agás no caso de que esta non altere o consenso acadado en xullo do ano pasado nin o funcionamento do dispositivo contra incendios. Sinalan que os sindicatos UGT e CIG presentaron propostas por esta vía, que non saíron adiante "pola intransixencia de CC.OO" que, ó seu xuízo, está a impedir o acordo.

Quedan aínda tres días de paro no calendario de agosto: o 23, o 28 e o 30. Comisións Obreiras e CSI-CSIF agardan obter de novo unha resposta satisfactoria por parte do colectivo de traballadores contra o lume. Os dous sindicatos convocaran xa en xullo outras dúas protestas, os días 19 e 31, que serviron de prólogo a numerosas manifestacións celebradas o mes pasado en Compostela.

Acusacións
As organizacións sindicais acusan a Medio Rural de manter unha actitude "intransixente e prepotente" ante as vindicacións presentadas en nome dos brigadistas, que esixen a reapertura da mesa de negociación na procura dunhas mellores condicións laborais e salariais.

O conflito, iniciado hai vinte meses, agravouse trala sinatura do acordo de eficacia limitada entre a Administración galega, UGT e CIG. A día de hoxe a petición é a mesma: "un acordo xusto que dignifique as condicións de traballo dos brigadistas e que garanta un servizo público contra incendios forestais eficaz e eficiente".

Unha vez máis, CC.OO e CSI-CSIF reiteran a necesidade de convocar a mesa de negociación por parte de Medio Rural, unha esixencia que defenderán os traballadores nos actos reivindicativos previstos para estes días nas catro capitais de provincia.

Comentarios