jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Finalmente, Pontevedra terá bipartito

Miguel Anxo Fernández Lores e Teresa Casal (Fotos: AGN)
Miguel Anxo Fernández Lores e Teresa Casal (Fotos: AGN)

Pontevedra tamén terá bipartito. A voceira do PSdeG-PSOE na cidade do Lérez, Teresa Casal confirmou as palabras do alcalde Miguel-Anxo Fernández Lores, que sinalara que o acordo se asinaría “máis pronto que tarde”. 

“Cando o BNG cambiou de actitude, atopounos inmediatamente, é o mellor para a xente e para a cidade”, sinalou Casal, que tamén anunciou que o xoves a mañá se confirmará o reparto de áreas destacando que se trata dun pacto entre “aliados naturais”.

O acordo entre o BNG – que acadou 7 concelleiros nas últimas eleccións municipais- e o PSdeG -6 concelleiros- retardouse case dous meses dende que a cidadanía dera un serio aviso a Lores. Os socialistas cumpriron o acordo marco asinado polas direccións nacionais ó favorecer a designación como alcalde de Fernández Lores como alcalde, pero hai algunhas semanas, rompíanse oficialmente as negociacións. Malia isto, Casal dixo hoxe que os contactos seguiron e se materializaron nun novo pacto, tal como ocorreu nas dúas últimas lexislaturas.

Deste xeito, só Lugo, nunha situación similar á de Pontevedra, e Ferrol, onde os socialistas gobernan co apoio de Esquerda Unida, non teñen un goberno bipartito coas formacións que están á fronte da Xunta.

Renovación no PP de Pontevedra
Por outra banda, Teresa Pedrosa, presidenta do PP local de Pontevedra, anunciou hoxe a súa dimisión para centrarse na súa labor na Deputación Provincial. Ábrese así a renovación no partido que acabará con Telmo Martín á fronte da formación.

Pedrosa afirmou que “o lóxico é que o candidato sexa quen teña o mando, sobre todo despois dos importantes resultados das eleccións”, onde o PP quedou ó borde da maioría absoluta.

Finalmente, Pontevedra terá bipartito
Comentarios