Ferrol y Narón cortejan

Tivo que pasar bastante tempo pero ao final o puxante Concello de Narón respondeu aos continuos cortexos do veciño Ferrol encamiñados a fusionar ambos os municipios para constituír arredor da ría a que sería a terceira cidade galega en habitantes, só por detrás de Vigo e da Coruña. E fíxoo a través do seu alcalde, Xosé Manuel Blanco, de Terra Galega, que se mostrou convencido de que a unión de Ferrol e Narón “non é unha cuestión política, senón de sentido común”.

Iso si: aínda que Narón parece disposto a abrandar a súa antiga postura de rexeitamento á iniciativa quere deixar claro que será quen marque os tempos. Por iso, Blanco falou o luns –nun acto conxunto co seu homólogo ferrolán, José Manuel Rey Varela– dun “futuro afastado” ao referirse a dar máis pasos cara á integración dos municipios. E acoutou: “Non é unha cuestión prioritaria nesta lexislatura”. Pero o feito de que Narón crea nunha futura fusión con Ferrol xa supón un avance que achanda moito o camiño. Só hai que tirar de hemeroteca para recordar como en 2011 o propio Blanco, xunto a outros rexedores da ría como os de Fene, Neda ou Mugardos, se pechaban en banda. “Non hai ningunha posibilidade nin a curto nin a medio prazo”.
Naquel momento a desconfianza cara á proposta do socialista Vicente Irisarri era total. Os municipios pequenos crían que só Ferrol se beneficiaría. Pero tras a experiencia de Oza e Cesuras e coas arcas locais ameazadas pola crise, a perspectiva cambia.
 
¿E que opina Ferrol de todo isto? Pois onte mesmo o alcalde, o popular Rey Varela, insistía en defender a fusión, como vén facendo ben sexa desde a Fegamp –que el preside– ou desde o Concello. “Eu defendería calquera fórmula que leve a crecer e a prestar mellores servizos”, afirmou.
 
Rey Varela recordou que ambos os municipios profundan “na colaboración de servizos, turismo, saneamento... Cremos que é bo que as primeiras bases que se asenten sexan as da cooperación”. Aínda que tamén lamentou que Narón “pense que non se pode dar a fusión tan a curto prazo” como desexarían os seus veciños.
 
A hipotética fusión de Ferrol, a sétima urbe de Galicia, e Narón, a oitava, traduciríase no nacemento da terceira cidade galega con máis habitantes, máis de 111.000, superando a Ourense e só por detrás de Vigo e A Coruña.

Alugueiro de bicis, un novo servizo que xa ofrecen conxuntamente

Ferrol e Narón comparten na actualidade numerosos servizos, o último o de aluguer de bicicletas, presentado esta mesma semana. Trátase de que os usuarios poidan alugalas en calquera dos 18 puntos existentes en ambos os municipios. Tamén comparten bombeiros. A trasfega de veciños tamén é unha constante. Moitos ferroláns acoden a diario a Narón a traballar aos seus polígonos, en especial ao de Río do Pozo. Tamén contan co único gran centro comercial da comarca e cos multicines Odeón, xa que Ferrol dispón dos Dúplex, con só tres salas. En sentido contrario cruzan a fronteira os naroneses que van ao hospital, a Facenda, á delegación da Xunta ou á Policía Nacional. Ata é posible que un veciño non saiba onde está: hai puntos nos que cambiar de beirarrúa é cambiar de concello. 

 

Comentarios