Ferido de consideración un traballador ao ser golpeado por unha vaca en Chandrexa de Queixa

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense para atendelo

Un traballador precisou asistencia sanitaria esta mañá en Chandrexa de Queixa despois de recibir un golpe por parte dunha vaca no cortello dunha casa.

Debido á gravidade das feridas do home, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense para atendelo.

Os feitos sucederon na parroquia de Requeixo, ao fío das 8.40 horas. Nese momento, o persoal sanitario alertaba do ocorrido ao 112 Galicia.

Nada máis ter coñecemento do suceso, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso aos axentes da Garda Civil, aos voluntarios de Protección Civil da localidade e aos efectivos do GES de Castro Caldelas.