Feijóo traslada a "crise industrial" galega a Miñones, que se ofrece como "nexo" co Goberno

O delegado do Executivo estatal chama á "colaboración" mentres o presidente galego pide "compromiso" económico co Xacobeo 
 
Miñones e Feijóo. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Miñones e Feijóo. LAVANDEIRA JR (EFE)

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, mantivo este martes a súa primeira reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen se ofreceu como "nexo de unión" entre as dúas administracións para conseguir "acordos continuados" para a Comunidade. 

Pola súa banda, o mandatario autonómico cualificou de "moi útil" este encontro durante o cal non só abordou a situación de Galicia con respecto á pandemia, senón que tamén lle trasladou a súa preocupación pola "crise industrial" que vive Galicia e urxiulle concrecións en materia de infraestruturas. 

Trátase do primeiro encontro de Miñones co presidente galego desde que a principios de mes deixou a Alcaldía de Ames (A Coruña) para tomar posesión, o día 8, como representante do Executivo central en Galicia. 

O socialista chegou puntual ás dependencias da Xunta en San Caetano, ao redor das 12.30 horas, para manter unha reunión de hora e media de duración. Ao saír, ambos compareceron de maneira conxunta no recibidor da sede da Administración autonómica, onde o delegado do Goberno chamou a abrir "un novo período de relación" entre as dúas institucións. 

"É moito mais útil construír que criticar. É moito mais útil os acordos que os desacordos". Neste sentido, Miñones resumiu a actitude do Goberno con tres palabras: "Colaboración, colaboración e colaboración". 

"É moito máis útil construír que criticar"

Así, nesta mesma liña, Feijóo recalcou a súa vontade de que Galicia sexa "unha excepción do ruído político ensordecedor" do resto de España, porque "é moito máis intelixente acordar que confrontar".

A PANDEMIA, "PRINCIPAL PREOCUPACIÓN". Un dos puntos abordados foi a pandemia, a "principal preocupación" para o Goberno, en palabras do seu delegado en Galicia. Neste contexto, lembrou que o luns o Ministerio de Sanidade entregou "máis de 100.000 doses de vacinas" para sumar "máis dun millón" desde que comezou a campaña de vacinación na Comunidade galega. 

Non en balde, Feijóo reclamou "certezas" sobre a chegada de máis doses "para poder avanzar coa maior celeridade posible", á vez que trasladou a súa vontade de impulsar a proposta do pasaporte de vacinación covid que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa emite desde a semana pasada. 

Iso si, o presidente da Xunta aproveitou a súa comparecencia posterior á reunión para insistir na necesidade de convocar unha Conferencia de Presidentes para abordar o fin do estado de alarma e non escatimou en reproches cara ao Goberno para afearlle a "deslealdade" e o "erro" no que incorreu ao presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a polémica reforma da Lei de Saúde de Galicia. 

Precisamente, minutos antes de que transcendese a admisión a trámite do devandito recurso por parte do Tribunal Constitucional, Feijóo manifestou que espera poder chegar a unha "solución extraxudicial" e que a lei estea en vigor antes do 9 de maio, cando finaliza o estado de alarma. 

O delegado do Goberno, pola súa banda, dixo confiar no "diálogo" aberto entre ambas as administracións no marco da comisión bilateral. 

Feijóo confía en chegar a unha "solución extraxudicial" da Lei de Saúede

Tamén en materia sanitaria, Feijóo trasladou á Delegación do Goberno, como administración responsable de coordinar ás forzas e corpos de seguridade no control das medidas contra a covid, a súa preocupación por "algunhas aglomeracións" producidas por todo o territorio galego. 

"Hai barrios de cidades onde podía haber máis vixilancia", suxeriu.

AXUDAS E FONDOS NEXT GENERATION. En clave económica, José Miñones reivindicou o "escudo social" levantado polo Executivo central "para non deixar a ninguén atrás", que se traduce "en 7.700 millóns de euros de financiamento en Erte, axudas a autónomos e liquidez ás empresas en Galicia". 

Non en balde, a pesar das constantes críticas expresadas desde as filas do PP galego e da Xunta, defendeu que os Orzamentos Xerais do Estado de 2021 converten a Galicia "na segunda Comunidade con máis transferencias directas e a sexta en investimento real por habitante". 

Ademais, recalcou que a vontade do Goberno é que os fondos Next Generation da Unión Europea, unha "oportunidade única", constrúan unha Galicia "verde, social, dixital e inclusiva". 

Pola súa banda, o presidente da Xunta volveu a pedir que a repartición destas contías -—a candidatura do Goberno galego comprende 354 proxectos por uns 20.000 millóns de euros— sexa con "transparencia" e "en concorrencia competitiva". 

De igual modo, afeou que nos criterios de distribución do plan de rescate para autónomos e pemes Galicia estea "por baixo do que correspondería".

"CRISE INDUSTRIAL" DE GALICIA. Así mesmo, Feijóo trasladoulle a súa preocupación pola "crise industrial" de Galicia. "Estamos a falar de 16.000 postos de traballo no seu conxunto, na súa maioría postos en cuestión por decisións do Goberno central", aseverou, referíndose á Lei de Cambio Climático e ás propostas en materia de transición enerxética. 

Nesta conxuntura, tamén lle solicitou "compromisos" coa carga de traballo para os estaleiros de Navantia, que incide no "grave problema" económico e social da comarca de Ferrolterra.

INFRAESTRUTURAS. Con respecto ás infraestruturas, ambos coincidiron en sinalar a boa sintonía entre o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, e o presidente da Xunta no encontro do pasado 9 de abril. 

"O diálogo e o entendemento fan posibles os acordos"

"O diálogo e o entendemento fan posibles os acordos e así quedou demostrado. Estamos na recta final dalgunhas grandes infraestruturas historicamente demandadas", valorou Miñones. 

Así, Feijóo expuxo a importancia de que activar as bonificacións da AP-9 acordadas e de que se "cumpran os prazos" para a chegada da Alta Velocidade ferroviaria. Iso si, apuntou que "hai autovías que están atrasadas", como a de Lugo-Santiago; e outras "paralizadas", como a de Lugo-Ourense ou a da Mariña.

TAXA DE REPOSICIÓN E XACOBEO. O mandatario galego tamén reclamou a eliminación da taxa de reposición en materia de contratación, que permitiría "á Administración ofertar 3.000 postos de traballo" estables tanto en educación como en sanidade. 

Á súa vez, puxo o foco en que "o 30 por cento" dos postos da Policía Autonómica "están sen cubrir". "Iso, de cara ao Xacobeo, é un problema evidente", engadiu. 

Precisamente, no tocante á celebración do Ano Santo 2021-2022, reclamou ao Estado "compromiso explícito e concreto" en materia económica. 

"Estamos a finalizar o primeiro semestre do ano 21 e non temos ningunha confirmación, nin ningunha contía por parte do Goberno de España", lamentou finalmente.

Comentarios