Feijóo recibe a primeira dose: "Un galego máis entre os 240.000 citados esta semana"

O presidente de Galicia agradece o servizo prestado por "todos os profesionais" que participan na campaña de vacinación
Feijóo avanza na cola da vacinación na Cidade da Cultura. LAVANDEIRA JR.(Efe)
photo_camera Feijóo avanza na cola da vacinación na Cidade da Cultura. LAVANDEIRA JR.(Efe)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou este martes o recibimento da primeira dose de AstraZeneca cun chío no que expresou o seu "agradecemento a todos os profesionais do equipo de vacinación de Galicia". 

"Hoxe recibín a primeira dose de AstraZeneca, un galego máis entre os 240.000 que están citados esta semana. O meu agradecemento a todos os profesionais do equipo de vacinación de Galicia. 
Precisamos máis doses para poder acadar a inmunización colectiva o antes posible", expresou o presidente de Galicia.

Antes de recibir a dose, o presidente confesara que ía "disfrutar" de ser inmunizado, á vez que fixo un chamamento ao conxunto da poboación galega: "Hai que acudir cando toque e coa vacina que toque", segundo declarou aos medios nun acto en Santiago previo á súa cita para vacinarse na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

Conforme lle corresponde polo seu grupo de idade, Feijóo, quen ten 59 anos e cumpre 60 en setembro, foi vacinado, precisamente, a poucos días de que se peche o proceso na súa franxa de idade. 

Pola súa banda, Feijóo explicou que foi notificado hai uns días da súa quenda. "Tócame hoxe e con AstraZeneca. O que toque e á hora que toque. Isto é o que imos disfrutar, e digo disfrutar porque non lle oculto que me alegra ter unha dose a partir de agora", recalcou.

Comentarios