Feijóo pide que as decisións sobre "grandes infraestruturas" queden "á marxe dun cambio de Goberno"

O presidente da Xunta, o delegado do Goberno e ao alcalde de Santiago inaugurano enlace entre a AP-9 e a Cidade da Cultura

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou este venres, durante a inauguración do novo enlace entre a AP-9 e a Cidade da Cultura de Santiago, que as decisións que afecten ás "grandes infraestruturas do país", como a propia Autoestrada do Atlántico ou os treitos pendentes da autovía entre Lugo e a capital galega, queden "á marxe dun cambio de Goberno" que poida xurdir por mor das eleccións xerais do próximo 28 de abril. 

Neste sentido, recalcou a unanimidade no Parlamento galego para impulsar o traspaso da AP-9 —que será debatido proximamente no Congreso—, á vez que subliñou que o seu Executivo "vai seguir traballando" por que Galicia "deixe de pagar" os 1.400 millóns de euros que "supón o convenio asinado polo Ministerio de Fomento con Audasa para financiar as obras e os gastos de conservación e financeiros que supuxo facer a ampliación da Ponte de Rande e a circunvalación". 

Así o expresou este venres durante a inauguración da ligazón que unirá a Autoestrada do Atlántico coa Cidade da Cultura de Santiago, acto no que tamén interviñeron o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o alcalde compostelán, Martiño Noriega. Entre os asistentes atopábanse o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; e os conselleiros de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; e de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Neste contexto, Feijóo lembrou que a infraestrutura, "esperada e perseguida de forma insistente pola Xunta", iniciou as súas obras o 18 de abril do ano pasado, cando o entón ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, puña a primeira pedra. Así, celebrou o "compromiso" do actual ministro, José Luis Ábalos, para completala. 

Deste xeito, e destacando a "lealdade" dos diferentes gobernos para a consecución da ligazón, pediu que "non cambie" a formulación con Galicia "con independencia" do partido que se atope no Executivo estatal. 

A obra presentada este venres, que ascenden a un total de 3,5 millóns de euros, consiste nuns 1.800 metros de vía e tres glorietas —unha de nova creación— que, segundo o presidente galego, "multiplicará a proxección da Cidade da Cultura como patrimonio dos galegos", xa que o viario "supón que A Coruña quede ao redor dos 35 minutos" do Monte Gaiás, Ourense "ao redor dos 50 ou 60 minutos" e Pontevedra "ao redor dos 20", de acordo cos seus números.

ORBITAL AP-9 E A-54. Por outra banda, o alcalde de Santiago, en declaracións aos medios, lamentou que "non se chegase" a tramitar a emenda presentada ao proxecto de Orzamentos Xerais (PGE) —tombado este mércores no Congreso— que prevía o orbital que conectaba a AP-9, a A-54 do polígono A Sionlla e a N-550. 

"Eu o lamento, lamenteino onte —este xoves— publicamente, falando en clave local, porque parecía que había receptividade para incluíla. A día de hoxe non se debateu a emenda, non temos orbital consignado, orzamentos prorrogados e eleccións en abril. Por tanto, premio para os que nos levaron a esta situación", ironizou.