Núñez Feijóo, investido presidente por cuarta vez: "Volverán os días bos"

Pontón e Gonzalo Caballero, entre críticas, tenden a man e desexan "acerto" ao líder do PP galego
Debate Investidura
photo_camera Feijóo, ovacionado polos deputados do PPdeG. PEPE FERRÍN

As chamadas ao pacto nunha XI Lexislatura que nace marcada pola pandemia primaron na segunda sesión do pleno de investidura do que Alberto Núñez Feijóo saíu elixido presidente da Xunta por cuarta vez co apoio da maioría absoluta do PPdeG, que ten 42 dos 75 escanos do hemiciclo do Pazo do Hórreo. Os 19 deputados do BNG e os 14 do PSdeG votaron en contra. 

No debate previo, o dirixente popular reiterou as ofertas de diálogo que deixara sobre a mesa o pasado martes, cando presentou o seu proxecto político, con dúas propostas principais: activar unha comisión parlamentaria en busca dun pacto pola "reactivación" económica e convocar a Mesa do Diálogo Social. 

Tamén a líder do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, Gonzalo Caballero, garantiron unha oposición construtiva de "man tendida" a Feijóo e desexáronlle "acerto" nas súas políticas polo ben de Galicia, aínda que o fixeron entre duras críticas á súa xestión, co foco na sanidade e as residencias de maiores, que sufriron con especial intensidade as consecuencias da Covid-19. 

Faga clic na imaxe de abaixo para ver as mellores fotografías da sesión de investidura

Debate Investidura

Feijóo lamentou as críticas no ámbito sanitario e, de feito, pediu á oposición "excluír" a sanidade do debate político "demagóxico". Máis aló, pediu "axuda" aos seus rivais políticos e "falar en serio", aínda que considerou "inxusto" o seu diagnóstico e marcou terreo, xa que lles lembrou a súa maioría absoluta nas urnas. 

Así, aínda que se comprometeu a "escoitar", deu por feito que non sempre poderá cumprir coas súas formulacións. Por iso, aínda que augurou que haberá disensos, defendeu que se esta lexislatura lógrase "recuperar o respecto parlamentario" entre os grupos xa será "un avance".

MENSAXE AOS GALEGOS. Finalmente, lanzou unha mensaxe aos galegos: o compromiso de que "seguirá traballando" para poder dicirlles que a pandemia "acabou", que Galicia "sairá adiante" e que "volverán os días bos". 

Coa voz entrecortada, agradeceu a confianza que lle outorgou unha cuarta maioría absoluta consecutiva e celebrou a "honra" que supón para el "vivir e dedicarse" a Galicia.

RESPALDO DE 42 DEPUTADOS. Após o debate no Parlamento, ante cuxas portas protestaron pola mañá operarios de Navantia e pola tarde traballadores de auxiliares de Endesa nas Pontes, sobre as 19,00 horas, Feijóo foi elixido presidente por cuarta vez co voto dos 42 deputados populares, entre os que está el mesmo. 

Por orde alfabética, e após comezar por sorteo polo parlamentario nacionalista Daniel Pérez López, un a un os deputados da Cámara galega fóronse pronunciando desde os seus escanos chamados pola secretaria da Mesa do Parlamento, Corina Porro. Dúas deputadas que foron nais recentemente, a deputada popular Sandra Vázquez e a nacionalista María González Albert delegaron o voto nos seus respectivos portavoces de grupo. 

Após a investidura, os líderes de BNG, Ana Pontón, e PSdeG, Gonzalo Caballero, saudaron a Feijóo no hemiciclo.

Comunicación ao Rei e toma de posesión
Finalizada a votación, o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, proclamou o resultado no hemiciclo galego. 

O Parlamento informou que a comunicación á súa Maxestade o Rei Felipe VI e ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, efectuarase este mesmo xoves por correo electrónico, enviando unha certificación con firma dixital. 

Xa o sábado, Feijóo tomará posesión do seu cargo na Cámara autonómica, nun ambiente marcado polas restricións da pandemia. Se segue o guión do tres veces anteriores, optará pola fórmula da promesa. A diferenza doutras ocasións, dada a situación sanitaria, non haberá acto civil na Praza do Obradoiro.

Comentarios