Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Feijóo chama aos descendentes de emigrantes galegos para que fagan "a viaxe ao revés"

El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con los estudiantes durante la entrega de  diplomas de las Bolsas de Excelencia para a Mocidade Exterior. LAVANDEIRA JR. (EFE)
El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con los estudiantes durante la entrega de diplomas de las Bolsas de Excelencia para a Mocidade Exterior. LAVANDEIRA JR. (EFE)

O presidente da Xunta anuncia axudas para os que queiran estudar en Galicia e incluso quedarse

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou aos descendentes de emigrantes a "facer a viaxe ao revés" para asentarse en Galicia e axudar a combater o problema demográfico da Comunidade.

Este martes celebrouse en Santiago un acto de entrega de diplomas a 94 mozos descendentes de emigrantes galegos —residentes en 16 países como Venezuela, Arxentina ou Cuba— que participan na primeira edición de bolsas de excelencia para cursar másteres en Galicia.

Durante o peche do acto, Feijóo apuntou a estes mozos que "hai unha Galicia aberta para vós", mentres observa na "Galicia exterior unha fonte de posibilidades para sumar solucións ao problema demográfico que se ten desde a década dos anos 80 do século pasado".

Uns galegos noutros países que "ven na Galicia interior un fogar para aqueles que pensan en volver", "especialmente desde os países da emigración que peor se atopan política e economicamente".

Neste sentido, Feijóo remarca que este programa serve para "atraer currículos valiosos da Galicia exterior" para "incentivar que continuedes formándovos aquí e valorar a posibilidade de fixar aquí a vosa residencia, o voso futuro, o voso traballo".

"A EMIGRACIÓN ABRIU AS PORTAS Á GLOBALIZACIÓN"

Nesta liña, Núñez Feijóo sostén que "a emigración abriu as portas á globalización", mentres os galegos foron "os primeiros cidadáns do mundo", pero cunha unión ás súas "raíces", sen "cosmopolitismo desarraigado".

Así, díxolles aos mozos presentes na Cidade da Cultura que "o sentimento de pertenza dos vosos antepasados segue vivo". Expón que Galicia "é bo lugar" para "quedar", pois coas novas xeracións descendentes de emigrados pódese "facer unha Galicia máis aberta, máis dialogante, máis internacional".

Por iso, chama "aproveitar a globalización" para "facer a viaxe ao revés", "toca aproveitar esta longa experiencia" da emigración "da man da vosa xeración".

Respecto diso, deixa claro que "aquí se axuda a todos os galegos que queiran volver". "Con independencia do camiño que cada un de vós escolla no futuro, xa conseguimos que sexades embaixadores de Galicia", sinala.

E é que o titular do Goberno autonómico fixo fincapé en como Galicia cambiou desde os tempos de emigración dos avós e pais destes mozos. "É a mellor Galicia que vivimos xamais", sentenciou. 
Logo de asegurar que o pobo galego sabe "compatibilizar dúas identidades", Feijóo terminou o seu discurso coa afirmación de que: "Salvo os irlandeses e os xudeus, non hai un pobo como o noso".

VENEZUELA, Á CABEZA

Esta é a primeira convocatoria deste programa que conta co apoio do tres universidades galegas. Ten 94 beneficiarios dun total de 16 países, con Venezuela á cabeza, con 23 alumnos.

O resto de países dos que proceden os participantes son: Brasil (18 beneficiarios), Arxentina (15), Reino Unido (8), México (7), Uruguai (6), Alemaña (6), Perú (2), Costa Rica (2), Cuba (2), Chile (1), Chipre (1), Francia (1), Panamá (1), Polonia (1), Suíza (1).

Durante o seu discurso, Feijóo mandou un saúdo especial aos participantes chegados de Venezuela, aos que enviou "un abrazo moi forte", porque di que lle "preocupa" a situación que se vive neste país.

Sobre este programa "pioneiro" de bolsas, o presidente da Xunta informa de que a seguinte convocatoria "xa está lanzada e aprobada por parte do Goberno".

EXPERIENCIA DUNHA ALUMNA

Lorena Gómez Montes, unha residente en Venezuela que cursa en Galicia un máster de dirección de empresas, foi a encargada de falar en nome de todos os seus compañeiros.

Na súa toma da palabra, Lorena narrou como os seus avós tiveron que emigrar desde Celanova a Venezuela nos anos sesenta "en busca de novas oportunidades".

De tal forma, valora a "excelente oportunidade" que ofrecen estas bolsas e móstrase "orgullosa de poder volver". "É verdade aquilo que me dicían os meus avós de que Galicia namora", afirmou antes de recibir os aplausos dos seus compañeiros.

Previamente, interveu o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño, quen destacou que estes mozos "retornan á súa terra coa ilusión e desexo de facer país".

Despois do acto de entrega dos diplomas a todos os participantes nestas bolsas de excelencia, o acto concluíu cunha actuación de Óscar Ibáñez.

Feijóo chama aos descendentes de emigrantes galegos para que fagan...
Comentarios