Feijóo esquiva o veto de Ciudadanos a Baltar e denuncia "un pacto do Tinell" do PSdeG

Pídelles aos socialistas que "recapaciten" e teñan "un mínimo de respecto" polo resultado das urnas

Alberto Núñez Feijóo, esta mañá. EFE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, esta mañá. EFE

O presidente da Xunta e presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, eludiu este luns pronunciarse sobre o veto de Ciudadanos a José Manuel Baltar na Deputación de Ourense, e denunciou "unha especie de pacto do Tinell" por parte dos socialistas para impedir gobernos do PP. 

En declaracións aos medios durante unha visita ás obras da Plisan, e á pregunta sobre o veto de Ciudadanos na institución provincial ourensá, Núñez Feijóo limitouse a lembrar a proposta "coñecida" do PP acerca da gobernabilidade nas institucións: "Cando un candidato gaña, e con diferenza de escanos suficiente, correspóndelle formar goberno". 

Así, referiuse a cidades como Ferrol, onde o PP quedou a un concelleiro da maioría absoluta e onde "parece razoable" que o goberno municipal sexa encabezado polo candidato 'popular'. Do mesmo xeito, apuntou que tamén debe haber un goberno do PP na Deputación de Lugo, onde ao seu partido faltáronlle "150 votos para a maioría absoluta". 

No caso da Deputación de Ourense, onde a Baltar lle falta un deputado provincial para ter esa maioría absoluta, "é razoable que goberne o PP"; mentres que no Concello ourensán, onde o PSOE foi a lista máis votada, "aínda con cinco concelleiros por baixo da maioría absoluta", debe haber un goberno local socialista.

PíDELLE AO PSDEG QUE "RECAPACITE" 
"Esta é a nosa proposta, sen trampa nin cartón, e espero que o PSdeG recapacite e acepte que é unha proposta moi rápida, moi transparente, e facilitaría que o vindeiro sábado se constituísen as Corporacións respectando aos candidatos que tiveron as listas máis votadas", engadiu Feijóo. 

"Lamentablemente, o que estamos a ver é que o PSOE se está xa reunindo para que o PP non poida gobernar en ningunha administración pública. É unha especie de pacto do Tinell, onde non se deixará gobernar ao PP en ningún lugar", denunciou o líder do PPdeG, quen lle pediu aos socialistas que "modifiquen" a súa posición e teñan "un mínimo de respecto polo resultado directo das urnas". 

Comentarios