Feijóo convoca aos líderes dos partidos da oposición para o día 26

Pontón e Caballero levaban tempo solicitando un encontro para abordar a reconstrución económica e social de Galicia
Feijóo, Pontón e Caballero no debate no Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Feijóo, Pontón e Caballero no debate no Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contestou á petición de reunión dos líderes dos partidos da oposición, Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG), para convocalos a unha reunión o próximo 26 de marzo, aínda que non concretou o formato do encontro. 

De feito, fontes consultadas por Europa Press, indicaron que na carta o presidente sinala que serán os respectivos gabinetes os que se porán de acordo no formato do encontro, aínda que sinala o 26 como data para que se produza a foto. 

Os representantes da oposición levan varias semanas solicitando un encontro co máximo mandatario autonómico para abordar a situación de Galicia e a súa reconstrución económica e social pola crise sanitaria, coincidindo tamén co final dos traballos de campo da comisión de reactivación que se pactou na Cámara autonómica. 

Así, o secretario xeral do PSdeG lanzou en rolda de prensa esta petición, unha solicitude que si formalizou a través dunha carta a primeiros do mes de marzo a portavoz nacional do BNG e á que agora se dá resposta conxunta tamén a través dunha misiva. 

O pasado martes, o presidente da Xunta defendeu pospor a reunión cos líderes de BNG e do PSdeG ata que se pechase a comisión de reactivación económica e social, co fin de non alterar un "formato" xa acordado nin "faltar ao respecto aos 49 comparecentes" que pasaron pola mesma. 

Comentarios