domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

Feijóo aspira a revalidar a maioría para que "Galicia só dependa de si mesma"

Alberto Núñez Feijóo. SEBAS SENANDE
Alberto Núñez Feijóo. SEBAS SENANDE
O titular da Xunta repasou a actualidade da precampaña nunha entrevista concedida á Radio Galega

O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, expresou este luns que aspira a revalidar a súa maioría absoluta porque Galicia necesita "máis que nunca" un Goberno "que non dependa de ninguén senón de si mesmo" fronte á "inestabilidade" política do Executivo estatal.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, recollida por Europa Press, o dos Peares advirte de que "se os socios do Goberno central se instalasen na Xunta" tras as autonómicas do 5 de abril, Galicia estaría "nunha situación de maior risco aínda".

"SÓ ME DEBO A GALICIA". "Por que? Porque non habería un Goberno que levantase a man e dixese: Non, isto non o imos a aceptar; senón que habería un Goberno aliado do Goberno central. E o Goberno central á Xunta non a necesitaría e si necesitaría ao independentismo vasco e catalán para aprobar no Congreso as súas leis", explicou.

Co "pálpito" de que os galegos "van entender perfectamente" que na Comunidade fai falta un Executivo "sólido", Feijóo lánzase aos comicios a pola súa cuarta maioría absoluta. Iso si, ao seu modo de ver, isto pasa "por non fragmentar o voto do centro dereita".

Ademais, o presidente da Xunta e do PPdeG márcase o obxectivo de que a política galega "non se fragmente en bloques". Tras rexeitar en reiteradas ocasións a proposta de Cidadáns de concorrer conxuntamente aos comicios baixo unha plataforma única, recalcou que a súa intención "non é tanto ser un candidato dun partido, senón tentar ser un representante da gran maioría dos galegos".

"Despois de tres maiorías absolutas, a estas alturas só me debo a Galicia. Por iso preséntome, non para ser un presidente da Xunta. Preséntome para manter o meu compromiso exclusivamente con Galicia", recalcou.

"QUEDAN 50 DÍAS PARA VOTAR". Preguntado sobre as enquisas publicadas esta fin de semana, que dan opcións aos populares para revalidar a súa maioría absoluta no Pazo do Hórreo, Feijóo dixo que aínda que son "boas noticias", "quedan 50 días para votar". A demoscopia "é un instrumento de traballo que non digo que non nos ilusione para seguir traballando con interese, pero non imos cometer o erro de pensar que imos gañar as eleccións", abordou.

Xusto unha semana despois do anuncio da convocatoria para que Galicia vote xunto con Euskadi, un "costume non escrito pero si un costume real", o presidente xustificou o adianto coa "atmosfera electoral clarísima" que, ao seu modo de ver, estaba instalada na Comunidade: "A oposición estaba de forma continuada e constante insistindo en cando iamos a eleccións".

Iso si, tamén admitiu que a política catalá mantén a España "nunha situación electoral" constante, o que fai que o Goberno central "estea bastante preocupado por chegar cada día a manterse na Moncloa, e para iso necesita o visto e prace do independentismo catalán e do independentismo vasco".

"Neste contexto, preferimos que as eleccións durasen 54 días (...) que sete meses, até setembro", indicou, para a continuación valorar tamén que o Parlamento se constituirá o 5 de maio, co cal o novo Goberno terá tempo para presentar os orzamentos autonómicos do 2021 e para que os proxectos lexislativos pendentes "se aproben no segundo semestre".

OS 370 MILLÓNS. Na entrevista á Radio Galega, Feijóo tamén abordou o contencioso co Ministerio de Facenda para reclamar os 200 millóns de euros do IVE dunha mensualidade do 2017.

Respecto diso, lembrou que "está a piques de pasar un mes" desde que o Goberno autonómico enviou ao Estado o requirimento previo á demanda. No entanto, dixo que a Xunta "non se esquece" doutros 170 millóns correspondentes aos incentivos polo cumprimento da estabilidade financeira en 2017 e 2018.

"Como vai acabar isto? Lamentablemente nos xulgados. Porque un presidente dunha Comunidade que renuncie a ese diñeiro que lle corresponde á Comunidade está a facer un deixamento de funcións e na miña opinión está claramente nunha irresponsabilidade manifesta. (...) A institución máis morosa que hai en España é o Goberno central. É a institución que máis diñeiro debe á Comunidade galega", afeou.

Feijóo aspira a revalidar a maioría para que "Galicia só dependa de...
Comentarios