viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

Falece o escritor Xosé Neira Vilas aos 87 anos na súa casa de Gres

O autor dun dos maiores éxitos da literatura galega, 'Memorias dun neno labrego', morreu aos 87 anos na súa casa de Gres, en Vila de Cruces ► Pola capela ardente aberta no Panteón dos Galegos Ilustres pasaron personalidades da cultura e a política galega e cidadáns de a pé para darlle o último adeus ► Será soterrado este sábado ás 17.30 na súa parroquia natal

Unha Galicia de loito despide ao escritor Xosé Neira Vilas, que faleceu este venres aos 87 anos na súa casa de Gres, no municipio pontevedrés de Vila de Cruces. Numerosas personalidades da cultura e da política galega, ademais de ducias de cidadáns de a pé, desfilaron pola capela ardente que se abriu no Panteón dos Galegos Ilustres, en Santiago, para darlle o seu último adeus ao autor da irrepetible Memorias dun neno labrego.

O pai do inolvidable Balbino, que será enterrado este sábado ás 17.30 horas na parroquia de Gres, era membro numerario da Real Academia Galega, doutor honoris causa polas universidades da Coruña e da Habana e Fillo Predilecto do Concello de Vila de Cruces. Tamén recibira galardóns como a Medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) ou o Premio da Crítica Galega (ensaio).

Foron incontables as mostras de dor que se sucederon desde que se coñeceu o pasamento de Neira Vilas. A RAG, A Mesa, os partidos políticos sen distinción, concellos, os libreiros galegos, artistas... todos quixeron recordar unha figura imprescindible, a dun home que nunca se marchou de Galicia malia ser un emigrante entre 1949 e 1992, cando regresou do seu periplo por Arxentina e Cuba.

O féretro cos restos do intelectual chegou ao convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago, pasadas as 18.30 horas. En Gres celebrarase antes un velorio na estrita intimidade familiar. Entre os persoeiros que se atopaban no Panteón dos Galegos Ilustres á chegada do cadaleito figuraban o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o seu antecesor no cargo, Agustín Hernández.

Do mundo da cultura estiveron presentes o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, o presidente da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, ou o dramaturgo Cándido Pazó, aos que acompañaron familiares de Neira Vilas e un nutrido grupo de cidadáns que quixeron achegarse a darlle o seu último adeus.

O féretro de Neira Vilas, cuberto coa bandeira galega, foi introducido entre aplausos no Panteón de Galegos Ilustres a ombreiros de varios dos presentes, entre os que se atopaban Monteagudo, Noriega e Pazó.

UN BO E XENEROSO. Durante a homenaxe, o conselleiro de Cultura asegurou que faleceu un "bo e xeneroso", en referencia á letra do Himno Gallego, e confiou en que a súa obra perviva no futuro como fito da literatura gallega. Entre outras cuestións, Rodríguez destacou a vinculación de Memorias dun neno labrego co contacto co idioma propio de Galicia desde a escola e puxo en relevancia a súa labor na visibilización da cultura galega. 

E é que ademais de ser o creador de Balbino, ese neno labrego para sempre vivo no imaxinario colectivo galego, Neira Vilas foi autor doutras obras que van da narrativa e a poesía ao ensaio, como as novelas Xente no rodicio ou Aqueles anos de Moncho, os libros infantís Cartas a Lelo ou O cabaliño de buxo, e os poemarios Dende lonxe ou Poesía recadada.

Nos anos nos que viviu en Arxentina e Cuba tamén destacou polo seu traballo incansable en pro da memoria da emigración e, neste sentido, creou o fondo bibliográfico máis importante de Latinoámerica sobre Galicia, segundo recorda a Real Academia Galega. Voltou a Galicia en 1992 e desde entón mantivo unha intensa actividade cultural a través da fundación que leva o seu nome. 

LOITO, E ENTERRO. O Concello de Vila de Cruces anunciou que vai decretar dous días de loito oficial. O rexedor, Jesús Otero Varela, definiu a Neira Vilas como "un dos ilustres galegos" e "unha das persoas máis queridas do municipio".

O enterro de Neira Vilas será mañá, sábado, ás 17.30 horas na parroquia de Gres.

Falece o escritor Xosé Neira Vilas aos 87 anos na súa casa de Gres
Comentarios