Falece ós 97 anos Elixio Rodríguez, histórico do galeguismo

Elixio Rodríguez
photo_camera Elixio Rodríguez

O destacado galeguista Elixio Rodríguez  faleceu esta mañá en México, onde residía coa súa familia. Tiña 97 anos.

Rodríguez naceu no concello ourensán de Lobios, en 1910, aínda que foi en Bande onde pasou boa parte da súa vida. O seu mestre, Xosé Taibo, iniciouno no galeguismo, pero a súa formación nacionalista arranca na adolescencia da man de grandes nomes da Xeración Nós. Como el mesmo lembraba, "eu non sabía moito de nacionalismo, e arrimeime a Risco e a Otero Pedrayo, que os vía pasear sós pola alameda de Ourense".

Nos anos da Guerra Civil  foi detido e encarcelado durante dous meses no convento de Celanova. Conseguiu evitar o paseo enganchando na lexión, e pasou algún tempo en Cáceres desenrolando labores administrativas para entrar na aviación, sempre coa esperanza posta en poder formar parte do bando republicano. No 1937 ingresou na Lexión Cóndor, para evadirse un mes despois do alistamento cara a zona republicana.

Detido unha vez máis, desta volta pesaba sobre as súas costas unha condena á morte por espionaxe para o inimigo, conseguiu a anulación da sentenza grazas á intervención de Castelao e da Paixonaria.

Galeguista no exilio
Pasou o resto da guerra en Barcelona, a cargo da intendencia de aviación e como secretario xeral da Solidariedade Galega Antifeixista, ata que coa caída de Cataluña tivo que exiliarse en México. Falamos do ano 1939.

Alí aceptou a oferta das autoridades mexicanas para adoptar a nacionalidade do país e comezou a traballar como empresario e distribuidor. Pero non perdeu nunca o espírito nacionalista, mantendo a militancia no Partido Galeguista dende o exilio. Proba disto é a labor que desenrolou como impulsor e locutor dun programa semanal de radio en galego, Hora de Galicia. Colaborou tamén nas revistas Saudade e Vieiros.

En 1953 participou no establecemento do Padroado da Cultura Galega, polo que foi delegado no Congreso da Emigración Galega celebrado doce anos máis tarde en Compostela. Elixio Rodríguez foi o único que leu a súa comunicación en galego.

En 1994 sacou á luz Matádeo mañá, un libro autobiográfico no que recolle as súas memorias e experiencias, así coma o seu traballo en defensa do galego e do galeguismo.

Comentarios