Domingo. 21.01.2018 |
El tiempo
Domingo. 21.01.2018
El tiempo

"A experiencia nun campo de refuxiados non se esquece na vida"

Miranda, estendendo a tela a xeito de balsa de refuxiados sobre un grupo de alumnos do IES Valle Inclán. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Miranda, estendendo a tela a xeito de balsa de refuxiados sobre un grupo de alumnos do IES Valle Inclán. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A piques de volver ocupar o escano que deixou hai cinco anos no Parlamento Europeo, a política e xurista cuntiense Ana Miranda percorre centros educativos contando as súas vivencias ao lado dos máis desfavorecidos en Idomeni e Calais

Ana Miranda (BNG) foi deputada no Parlamento Europeo entre xaneiro de 2012 e xullo de 2013. En febreiro retomará este posto substituíndo a Josu Juaristi (EH Bildu), que lle cederá o seu escano, xa que concorrera como número dous da coalición Los Pueblos Deciden, que aúna a varias forzas nacionalistas do Estado, ás eleccións de 2014. Mentres, "a nivel persoal e non como política", percorre centros educativos para falar da Unión Europea e, sobre todo, para contar a súa experiencia nos campos de refuxiados, que "non se esquece nunca máis". Subliña tamén que "un pequeno xesto pode salvar unha vida", como o caso dun rapaz "que conseguiu chegar a Alemaña desde o campamento grazas a unha carta de apoio político que lle escribín". Estivo no IES Valle Inclán, onde impartiu unha charla sobre a UE e as persoas refuxiadas, xa que o centro é Escuela Embajadora Junior del Parlamento Europeo.

Coñecía esta iniciativa do IES?
Si, e tamén a súa implicación nos temas europeos.

Como ve que desde os centros educativos se leven a cabo iniciativas deste tipo?
É moi innovador e, ademais, creo que é unha maneira de concienciar, de que Galicia forma parte da UE e de que é moi importante que canta máis información teñamos destas institución, que están decidindo sobre as nosas vidas, mellor. E, sobre todo, concienciar sobre o problema social dos refuxiados. Paréceme moi bonito falar con rapaces de 15 anos para que saiban que neste momento en Europa hai máis de 300 campamentos de persoas sen dereitos, sen papeis, sen esperanzas. As condicións de vida non son iguais para todos.

Que máis lles contou?
Desde que estoupa a crise dos refuxiados, en 2015, prodúcese unha chegada masiva. A resposta de Europa é realmente moi vergoñenta. En lugar de facilitar o tránsito e cupos, permítese que estean en campos de lama, sen condicións hixiénicas, como o Idomeni (Grecia) ou en Calais, ás portas de París. Tiven a oportunidade de estar alí en 2016. Grecia aínda ten máis dun cento de campamentos. Expliqueilles as causas disto: guerras, conflitos armados, persecucións ideolóxicas, fuxidas de matrimonios forzados, persecución relixiosa... Veñen de Iraq, Siria, Afganistán, do Norte de África, Turquía, do Kurdistán... Expliqueilles que cando saen é porque están fuxindo de algo que lles impide facer unha vida normal, por razóns humanitarias. Europa ten que dar unha resposta clara a un problema que afecta ao 0,02% da poboación. Europa está quedando se poboación, vai ser un continente vello e ten que contar con persoas de fóra para ter futuro.

En España sempre se di que non chegan as persoas refuxiadas.
En Bruxelas acordáronse uns cupos e non se cumpren. Ademais en Ceuta e Melilla o Estado está tendo unhas políticas represivas bastante grandes e con centros de detención para inmigrantes que son ilegais. Como política galega con visión internacional este é un dos temas máis importantes. Nós tamén fomos refuxiados na Guerra Civil, temos poboación emigrante e non podemos perder esa mirada histórica. En España facemos unha crítica moi profundo por non cumprirse os cupos. A Galicia corresponderíalle unha persoa por municipio. Houbo concellos que o tentaron en 2016 e non lles foi posible legalmente.

Cre que a xuventude de agora é consciente desta situación e de como funciona a UE?
Os mozos están bastante informados porque, por sorte, nos institutos teñen a materia de Unión Europea, pero si é certo que lles queda lonxe, sen decatarse de que a UE está decidindo sobre o noso naval, sobre o medio ambiente, sobre a política do lixo, sobre a pesca... Pero tamén sobre programas como o Plan Bolonia. Por iso este tipo de charlas son moi boas.

Para estar implicado nestas cousas é necesaria unha inquedanza política ou chega con ser un cidadán de a pé?
Chega con ser cidadán de a pé, porque ao final é que che toca. Cando hai una accidente como o do Alvia e sabes que a Axencia Ferroviaria Europea se posicionou a favor das vítimas daste conta da importancia de poder recorrer a outras vías. Ou no caso de Ence, que tanto afecta á ría de Pontevedra, que sexa denunciado o tema en Europa. Como político é evidente, pero como cidadán é necesario.

Charlas como esta contribúen a achegar a UE aos máis novos.
Si, e sobre todo cunha problemá- tica tan delicada como a dos refuxiados. Levo ido a 30 institutos e escolas no último ano a dar este tipo de charlas. Lémbrome dunha na que os rapaces case acabaron chorando, porque tamén se sentían refuxiados. Metinos debaixo dunha tela, como se fose unha balsa -isto mesmo ocorreu tamén no Valle Inclán- e sentían esa sensación de agobio cruzando o estreito entre Turquía e Grecia, que hai poucos quilómetros pero faise a travesía de noite. Esa sensación de frío, de non poder ir ao baño... É unha sensación de crueldade e de desamparo cando chegan ás praias de Lesbos e de Lampedusa, se é que non quedan os corpos no mar.

"É moi tráxico ver como chegan ás praias, mortos de frío, aínda que os estean salvando"
A eurodeputada, para a que foi a súa primeira charla nun centro educativo de Pontevedra, trasladoulle a o alumnado as vivencias dos bombeiros galegos que viviron o rescate nas costas en primeira persoa "e que cando lles dan as mans aos nenos, aínda que lles están salvando a vida, é moi tráxico ver como chegan ás praias, mortos de frío". "Estamos permitindo que haxa un acordo da UE con Turquía e que se lle estea pagando por devolver refuxiados -censurou-. É moi dramático".

Como reaccionan os estudantes cando lles relata estas historias?
Séntense motivados con este tipo de charlas. Nunha escola, nenos de oito anos me prepararon material con pinturas, papeis e contos para levarlles, como detalle.

Na súa estrea no IES Valle Inclán destacou que «ao ser unha escola embaixadora do Parlamento Europeo esta charla ten máis razón», xa que en febreiro ocupará o escano que lle corresponde á alianza de partidos da que forma parte ata as vindeiras eleccións, en 2019. «Cando me chaman dos institutos alá vou. Non o considero unha obriga política, senón dunha persoa que estivo nos campamentos de refuxiados, para contar o que vin. Iso non se esquece nunca máis» e relata o caso dun rapaz de Benín, de só 17 anos, que acadou o estatuto de asilado en Alemaña grazas a unha carta súa.

"A experiencia nun campo de refuxiados non se esquece na vida"