jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Existimos na rede

Ás veces teño a sensación de que discrepar da opinión das “sacred cows” do Olimpo da cultura patria pode ter consecuencias desagradábeis. A risco de ser estigmatizado e botado do paraíso moitas veces mordo a lingua antes de sacala a pasear, máis do que gustaría. Aclaro isto porque vou falar da Galiza no Youtube, un tema que mentes con maior pouso cultural ca min xa sacaron á luz en artigos de opinión de xornais como A Nosa Terra ou El País. Estoume referindo a Xosé Manuel Sarille e a Manuel Rivas. O certo é que só podo facer referencia ao de Monte Alto, xa que os meus intentos por situar o comentario de Sarille foron estériles.

O caso é que, segundo parece, ambos coincidían en afirmar a invisibilidade da Galiza na máis grande ferramenta audiovisual dispoñíbel na rede: You Tube. Eximirei a ambos de calquera mala intención na súa crítica por ser ambos homes preocupados polo noso país e por ser dunha xeración (anos 50) que aínda ten certas dificultades de razoamento lóxico á hora de enfrontarse cos buscadores cibernauticos.

Quero entender que na procura do señor Rivas a importancia radicaba no número de visitas, tendo en conta tamén a cuestión lingüística e, por suposto, a procedencia da fonte audiovisual atopada. Non acabo de descubrir se para saber o auténtico estado do país no Youtube a palabra chave utilizada era Galicia ou era Galiza, nin sei se contaban tamén galega ou galego, ou galician ou gallego. Penso que é un pouco inxusto falar esta cuestión sen ter en conta todas esas infinitas combinacións que poden levar a un mesmo lugar: a nosa terra.

No artigo de Manuel Rivas destácase un video de Luar na Lubre con 10.457 (máis de vinteoito mil a día de hoxe) cando a mesma banda ten outros tres que superan as vinte mil. Aparece tamén o videoclip Galicia will be nation con música de Edilberto Alonso  cando temos esquecido ese Un canto a Galicia de Julio Iglesias, sen perder de vista aos Siniestro Total que superan a marca de vintecinco mil en varias ocasións (incluida Miña Terra Galega) facendo eclipsar calquer achega do noso internacional Carlos Nuñez. Por outro lado cousas tan reivindicativas como os bombeiros espidos na Operación Cuiño protestando contra as penosas condicións laborais destes profesionais na provincia de A Coruña ou os nosos "espontaneos" de Pontevedra dicindo un par de cousas claras sobre o Prestige no programa de Gayoso.

O certo é que non queria facer unha enumeración punto por punto nos erros de apreciación por parte dos nosos insignes intelectuais. Só queria chamar a atención sobre as múltiples particularidades que poden aparecer nunha procura por internet ademáis de reivindicar que a Galiza existe na rede ben sexa en chamas ou borracha, porque non podemos esquecer que tan galega é Mercedes Peón como Ana María Ríos por moito que nos pese.

Existimos na rede