O BNG expedienta ós edís que faltaron ó acordo marco

A executiva nacional do BNG acordou nunha reunión mantida hoxe activar os expedientes disciplinarios dos concelleiros nacionalistas de Corcubión, Muros e Porto do Son que incumpriron o "acordo marco" suscrito polo PSdeG e o BNG para establecer gobernos de coalición nos concellos galegos nos que ambas forzas lograsen a maioría.

Dende o BNG anunciaran, tras comprobar que os grupos municipais non apoiaran ó PSOE nos respectivos concellos, que emprendería accións inmediatas, poñendo en marcha expedientes disciplinarios con proposta de expulsión.

Froito dos incumprimentos, os resultados foron dispares. Así, no caso de Pontecesures situouse na alcaldía María Castro, que obtivo nos pasados comicios unicamente un concelleiro e 205 votos. Contou co apoio de tres concelleiros populares e os dous socialistas, que agora o PSdeG desvincula do partido.

Por outro lado, en Muros situouse o candidato nacionalista como alcalde co apoio do PPdeG, cando a lista socialista fora a máis votada. Caso similar foi o de Corcubión, onde o nacionalista contou co apoio do PP; mentres, en Porto do Son a abstención do BNG outorgou a alcaldía ós populares.

Comentarios