Un estudo da RAG evidencia a perda de galegofalantes ao longo das diferentes etapas educativas

O informe volveu constatar o efecto desgaleguizador que exerce o sistema educativo nos menores 
Un niño antes de entrar en clase. EFE
photo_camera Un neno antes de entrar en clase. EFE

Un novo estudo elaborado pola Real Academia Galega volveu constatar o efecto desgaleguizador que exerce o sistema educativo nos menores de Galicia, sobre todo co avance das diferentes etapas. De feito, este informe confirmou que estes procesos de substitución lingüística cara ao castelán inícianse desde as idades máis temperás, para consolidarse na adolescencia. 

O mapa sociolingüístico escolar de Ames foi presentado este mércores na Casa da Cultura de Bertamiráns, da man do presidente da RAG, Víctor Freixanes, o rexedor local, Blas García, e o coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, entre outros. 

A investigación, realizada mediante entrevistas e enquisas a máis de 2.000 familias, 264 docentes e case 1.800 escolares, traslada datos preocupantes sobre a evolución das tendencias de uso do idioma desde a chegada dos pequenos á escola. 

Entre eles, que un de cada dez alumnos renuncia á lingua familiar xa no seu primeiro contacto co centro, a pesar de que o 41% das nais e o 47,5% dos pais de primeiro ciclo de infantil aseguran falar habitualmente en galego cos seus fillos, ademais do 12% que utilizan ambas as linguas. 

O estudo constata que o proceso de cambio cara ao castelán increméntase desde os 2 ou 3 anos ata os 6 ou 7, co paso do ciclo de infantil ao de primaria, que pode implicar cambios de centro educativo ou o uso de redes sociais, un resultado "novo e non constatado previamente" noutros informes sociolingüísticos da Academia. 

"As políticas lingüísticas desenvolvidas ata agora estiveron centradas na educación secundaria, é dicir, anos despois da sucedida muda. Os datos convidan a cuestionar este modelo e a reflexionar sobre as modificacións necesarias", indica o documento. 

O propio Henrique Monteagudo advirte que o informe demostra que o medio escolar "non é amigable para o galego" e non proporciona aos mozos "o ambiente adecuado para desenvolver as súas competencias e capacidades comunicativas" neste idioma, o que se constata á súa vez con que máis do 50% dos estudantes de secundaria declara non sentirse cómodo á hora de expresarse nesta lingua en público.

CONTEXTO DE SOCIALIZACIÓN. Este efecto desgaleguizador prodúcese tanto dentro como fóra das aulas, engade o documento, posto que nos centros celébranse todo tipo de actividades de lecer, deportivas e formativas complementarias que tamén inclúen nas tendencias comunicativas dos alumnos. 

O informe indica, precisamente, que preto do 25 por cento do alumnado de primaria de Ames nunca tivo presente a lingua galega nos seus principais contextos de socialización, é dicir, a relación entre iguais e as actividades extraescolares. Neste último caso, "parece ter máis presencia unha lingua estranxeira que a lingua galega", engade o estudo. 

Todos estes resultados utilizaranse como base por parte da RAG e o Concello para deseñar unha serie de propostas de intervención para tentar frear esta perda de transmisión xeracional na área de influencia do municipio. 

Comentarios