Unha viaxe dos Alpes a Vilapedre

Investigadores da USC colaboran nun estudo que traza o percorrido do único machado perforado de xadeíta alpina atopado na península Ibérica, no século XIX en Vilalba
Filo del hacha hallada en Vilalba.EFE
photo_camera Filo del hacha hallada en Vilalba.EFE

Hai máis dun século, o polifácetico vilalbés Manuel Mato Vizoso (1846-1909), escritor, historiador, secretario do xulgado municipal e arqueólogo, atopaba nun lugar indeterminado da parroquia vilalbesa de Vilapedre –crese que podería proceder dalgún dos túmulos existentes nesta, coma os de Bouza ou Veiga de Garea– unha peza sobranceira. Que se teña constancia, o seu achado é, a día de hoxe "o único machado perforado de xadeíta alpina atopado na Península Ibérica", tal e como precisan os responsables dunha longa investigación que tratou de descubrir o seu periplo.

Tamén se cre que foi Santiago de la Iglesia, afeccionado á arqueoloxía que lle cedía á Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) unha colección de diversos materiais, entre os que figuraba esta singular peza, que hoxe permanece exposta ao público nunha das vitrinas do histórico edificio.

Aí chamoulle a atención fai xa tres décadas ao historiador Ramón Fábregas, quen estudaba o machado na súa tese de doutoramento. "Sempre me interesou porque cría que podía ter a súa orixe fóra da Península, era o que se dicía, pero non se sabía", recorda –nos últimos 50 anos, varios especialistas formularon esta teoría a partir de análises superficiais–. Tempo despois, a comezos do presente século, un especialista no estudo de machados da universidade francesa de Bresançon contactaba con Fábregas para darlle forma a un proxecto sobre a elaboración de machados neolíticos feitos de xadeíta.

A idea daba pé ao traballo Jade 2: Objets-signes et interprétations sociales des jades alpins dans l"Europe néolithique, 2013-2016, que supón "unha proba máis da existencia de conexións e da circulación de obxectos entre dúas das principais Fisterras atlánticas, Galicia e Bretaña, dende polo menos o V ou IV milenio a.C.", din dende a USC. E no marco dese proxecto xurdía a investigación específica sobre a exclusiva peza de Vilapedre, que vén de publicarse na revista Journal of Lithic Studies da Universidade de Edimburgo, asinada polos investigadores da USC Óscar Lantes, Arturo de Lombera e Ramón Fábregas, así como por autores da Universidade Nova de Lisboa e do Centre National de la Recherche Scientifique de Francia.

Nesta detállase, a través de análises mineralóxicas –difracción de Raios X– e elementais –microscopía electrónica de barrio e espectroscopía de Raios X por enerxía dispersiva–, realizadas sobre o machado e sobre mostras de xadeíta e doutras pedras verdes procedentes dos Alpes italianos, onde estas materias primas foron explotadas durante o Neolítico e serviron para a manufactura de machados que logo circularon por toda Europa, principalmente entre o 5.000 e o 3.000 a.C.

POLO MAR. Contextualizase así a historia dun machado que se fabricaba hai máis de 6.000 anos a partir dunha rocha verdosa do Piamonte italiano, procedente probablemente do curso alto do río Po ao seu paso por Revello. "A rocha é dos Alpes, posiblemente se elaborase alí, e de aí viaxou de man en man ata chegar á Bretaña francesa", di Fábregas. Aí remodelaríase "seguindo os gustos locais: pulíndoo ata dotar á súa superficie dun brillo espectacular e sendo perforado na súa parte proximal ou talón, probablemente para ser empregado como adorno destinado a lucir pendurado no peito dalgún individuo prominente", conta.

Os investigadores cren que viaxou de Bretaña ata o norte da provincia de Lugo por mar, baseándose na ausencia deste tipo de machados perforados noutras áreas ao sur do val do río Garona. "Non se pode saber con certeza que viñese en barco, pero é factible, porque é unha peza única, do sur do Garona ata aquí non se atoparon outras así", precisa Ramón Fábregas.

Imitacións de milleiros de anos
Ramón Fábregas precisa que, aínda que o machado feito en xadeíta e con perforación, duns 14 centímetros, "é o único" que se coñece así, hai outra peza, tamén atopada en Vilalba e pertencente a mesma colección depositada na Facultade de Historia da USC, feita á súa imaxe e semellanza. "Ten a mesma forma pero está feita con outro material, a nosa hipótese é que pode ser unha copia e que o de xadeíta puido servir de modelo", apunta.

Ornamento
O investigador tamén precisa que o coidado e a fineza do machado de xadeíta "fai pensar que sexa un símbolo", máis ca unha ferramenta.

Comentarios