As escolas infantís da Galiña Azul contan con 301 novas matriculacións

A lista de espera actual na provincia de Lugo nestes centros é de 41 nenos
Gardería da Galiña Azul en Lugo. XESÚS PONTE (AEP)
photo_camera Gardería da Galiña Azul en Lugo. XESÚS PONTE (AEP)

As escolas infantís da Xunta de Galicia que forman a rede Galiña Azul do Consorcio Galego de Igualdade e Servizos Sociais sumaron esta semana un total de 301 novas nenas e nenos ás súas aulas, dentro do período extraordinario de matrícula correspondente ao pasado mes de decembro.

Estas matriculacións finalizaron este sábado coa formalización das altas dos menores admitidos, informou a Xunta nun comunicado.

A cifra representa un aumento do 13 % con respecto aos pequenos que se sumaron ao mesmo proceso extraordinario o ano pasado.

Así, o número de alumnos matriculados actualmente nos centros de 0 a 3 anos desta rede pública autonómica ascende aos 6.289, sendo os centros de educación infantil das provincias da Coruña e Pontevedra os que presentan o maior número de matrículas, con 2.821 e 2.293, respectivamente; seguidos de Ourense, con 646, e Lugo, con 529.

Na actualidade, o 80% das preto de 8.000 prazas que a Xunta ofrece ás familias para o actual curso académico 2020-2021 están cubertas a través da rede de escolas infantís do Consorcio Gallego.

Así mesmo, segundo o goberno autonómico, a lista de espera nestes centros é de 580 nenas e nenos distribuídos da seguinte maneira: 253 nos colexios da provincia da Coruña, 249 nos de Pontevedra, 41 nos da provincia de Lugo e 37 nos colexios da provincia de Ourense.

Comentarios