Envíos conxuntos de propaganda e dous debates, na proposta do BNG

Pontón aposta por manter as listas do 5-A, lamenta o "cinismo" de Feijóo sobre a súa proposta de campaña e pídelle un protocolo de medidas 
Ana Pontón. EP
photo_camera Ana Pontón. EP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo varias medidas encamiñadas a realizar unha campaña na que se poidan "contrastar" as ideas dos distintos partidos políticos sen impedimentos pola crise sanitaria do coronavirus e, por iso, lanzou a idea de facer chegar ás casas toda a propaganda electoral nun único envío para aforrar custos e gañar en garantías sanitarias. 

Así mesmo, pediu "neutralidade informativa", de forma que se leven ao cabo polo menos "dous debates" nos medios públicos, entrevistas coa cabeza de lista das provincias e aumentar o tempo que destinan os medios públicos ao seguimento da carreira cara ás urnas. 

Tamén reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que estableza un protocolo para dar garantías sanitarias nos colexios electorais e en todo o proceso electoral, así como barallar excepcións para aquelas persoas que teñan a obrigación de estar nunha mesa electoral. 

Pontón lamentou o "cinismo" do tamén candidato do PPdeG, por asegurar que dará instrucións para realizar unha campaña de baixa intensidade á vez que, dixo, "leva de campaña dous meses" na televisión pública galega, con "31 mitins", en referencia ás roldas de prensa retransmitidas polo ente público. 

A dirixente nacionalista reclamoulle, así mesmo, un protocolo de actuacións para garantir a "seguridade" e a "saúde" dos cidadáns nesta convocatoria electoral, e sinalou que Feijóo é "responsable" de establecer estas garantías ao convocar os comicios durante o proceso de desescalada da pandemia. 

A preguntas dos medios, Pontón considerou que as listas que eran "boas" para o 5 de abril tamén o son agora e non habería por que cambialas, pero cinguiuno a unha opinión persoal e apuntou que serán os órganos de decisión da súa formación política os que ratifiquen as candidaturas para o 12J. 

Outra vantaxe sobre a data anterior, argumentou, é que agora se conta coa "experiencia" para saber actuar ante algún posible rebrote que, esperan en Sanidade, non chegue en ningún caso antes do 12 de xullo.

Comentarios