Entregan os premios do certame 'Lingua de Namorar' que inciden no fomento do galego

O obxectivo é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas relacións interpersoais e nas novas tecnoloxías

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Política Social, José Manuel Rey Varela, participaron este sábado na entrega dos premios do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar, organizado pola Secretaría Xeral e pola Dirección Xeral de Mocidade, Participación e Voluntariado. O concurso está dirixido a mozos con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos, co obxectivo de dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas relacións interpersoais e nas novas tecnoloxías, señaladamente en internet e na mensaxería instantánea, e incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para os momentos de lecer e de diversión.

Na súa intervención o conselleiro de Cultura e Educación destacou que o obxectivo deste concurso é animar aos mozos a expresarse en galego en todos os ámbitos da vida e, dunha maneira especial, nas redes sociais, que tanta relevancia teñen nas relacións cotiás da mocidade. Neste sentido lembrou que esta foi a primeira iniciativa na que as dúas consellerías uníronse para promover o uso do galego entre a xente nova, unha liña de colaboración que ten agora o seu maior reto na elaboración do primeiro Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade, co fin de potenciala como lingua de relación entre os máis novos.

Román Rodríguez explicou que este plan vai implicar a todo o Goberno nas tarefas de potenciar a oferta asociativa e de lecer en galego, consolidar a oferta de produtos na lingua propia para o público xuvenil ou de ofrecerlle modelos lingüísticos galegófonos á mocidade que é castelanfalante en orixe. Ademais, incidiu na necesidade de que a mocidade acolla estas medidas, xa que "a última palabra no futuro da lingua tédela cada un de vós".

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou a importancia de celebrar concursos como Lingua de namorar para fomentar o uso do galego entre os mozos en todos os ámbitos da súa vida. "É unha alegría saber que os máis novos empregan a nosa lingua non só na esfera académica ou laboral, senón tamén na social, persoal e familiar, como así o demostra a participación da mocidade neste certame", explicou o titular da carteira social.

Rey Varela aludiu tamén á oportunidade que Lingua de namorar dá á mocidade para desenvolver a súa creatividade na faceta máis literaria "a través de non máis de 350 caracteres mediante os cales foron quen de expresar os seus sentimentos, pensamentos e inquedanzas". O conselleiro finalizou a súa intervención felicitando aos premiados e agradecendo o compromiso co galego de todos os participantes nesta edición.

Na quinta edición deste certame, na que participaron preto de 600 mozos, ademais do seis premios establecidos nas bases, o xurado decidiu conceder tamén unha mención de honra. Para outorgar os galardóns, o xurado valorou o grao de elaboración das mensaxes e a súa orixinalidade e calidade lingüística.

Así, na categoría A, de 14 a 19 anos, de entre as 52 mensaxes que recibiron sete ou máis votacións, resultaron gañadoras do primeiro premio Sara Caride Blanco (Cambados, Pontevedra), coa mensaxe Eternidade; do segundo Inés Amado Rodríguez (Cuntis, Pontevedra), pola mensaxe Escribindo poesía; e do terceiro Ana Barros Fernández (Marín, Pontevedra), pola mensaxe Festa de mel.

Na categoría B, de 20 a 35 anos, Diego Arranz Fernández (Ourense), gañou o primeiro premio coa mensaxe Ti, produto de rocha; Estefanía González López (Santa Comba, A Coruña) o segundo pola mensaxe De Rosalía a Benedetti; e Rubén Barreira Blanco (Verín, Ourense) pola mensaxe Contando. No referido á mención de honra, concedeuse á mensaxe En galego, de Anabel López Blanco (Melide, A Coruña), pola súa frescura e consideración pola identidade e lingua propias.

Comentarios