Dimite o alcalde de Vilagarcía tras ser declarado 'inelixible' pola Xunta Electoral

O socialista Enrique León presentou esta mañá a renuncia ao seu cargo á fronte da alcaldía arousá e á súa acta como concelleiro, despois de que o pasado venres a Xunta Electoral o declarase "inelixible" para o cargo por seguir pertencendo ao corpo de policía. León declarou estar decepcionado pola fala de apoio que lle amosou o seu partido e anunciou que recorrerá ante o Contencioso Administrativo a resolución da Xunta Electoral.

O ex-alcalde socialista fai así efectivo o que se agardaba dende que o pasado venres a Xunta Electoral dese a coñecer a súa resolución sobre o caso. O organismo considerou que, ao estar Enrique León na reserva do corpo de policía (en segunda actividade sen destino), non era elixible para un cargo público, posto que a lexislación vixente non permite que policías, xuíces ou militares se sexan elixidos como representantes políticos.

Con todo, Enrique León segue a soster que ten "a razón xurídica" da súa parte, posto que segundo el, ao non ter destino adxudicado na policía, si era elixible para un cargo público. Asegurou que a decisión de dimitir obedeceu a "motivos tan só políticos, non xurídicos", dada a polémica e a inseguridade que xerou a súa situación.

Mañá, renuncia no pleno
Tras rexistrar esta mañá a súa dimisión no Rexistro do Concello, Enrique León presentará mañá a súa dimisión oficial no pleno da corporación municipal que se celebrará ás oito da tarde. Espérase que nun próximo pleno, tome posesión do cargo a número dous do PSdeG, Dolores García, que deste xeito se convertiría na primeira alcaldesa de Vilagarcía.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, gabou esta mañá a decisión de Enrique León ao declarar que "lle honra ter anteposto os intereses de Vilagarcía por diante dos seus propios".

Comentarios