Enfermeiros do Chuac ven "preocupante" a situación: "Suplicámosvos a vosa axuda"

Están "esgotados" e "desanimados" ao ver que non calou entre a cidadanía a mensaxe de manter as precaucións
Dos enfermeros revisan sus equipos de protección individual. EFE (ARCHIVO)
photo_camera Dous enfermeiros revisan os seus equipos de protección individual. EFE (ARCHIVO)

Mónica Pérez, enfermeira da planta Covid no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), cualificou de "preocupante" a situación no hospital ante o aumento de casos e, nunha mensaxe en nome do persoal de enfermaría, pediu axuda a toda a poboación. 

"Suplicámosvos a vosa axuda, se non tomades todas as medidas isto non se vai a acabar nunca, moita xente morrerá e teremos que velos morrer na planta". "Por favor coidarnos aos que vos coidamos", sentenza nunhas declaracións remitidas aos medios de comunicación. 

Lembrando que traballaron desde a primeira vaga da pandemia, insiste en que seguen facéndoo "sen parar", pero admite que están "esgotados". "Pero sobre todo desanimados", asegura ao considerar que ou non souberon transmitir á poboación a mensaxe de que deben cumprir as medidas sanitarias ou "non calou na poboación". 

"Non podemos ter contacto social máis que para o imprescindible, só saír de casa para cousas imprescindibles", insiste en liña coa mensaxe difundida nos últimos días por profesionais do complexo hospitalario. 

Ante unha situación moi "preocupante" no hospital, e após recoñecer tamén que senten "impotentes", suplica a "axuda" da cidadanía no cumprimento das medidas. 

Nestes momentos, na área sanitaria da Coruña e Cee, hai 226 pacientes ingresados. No Chuac, hai 34 en Uci e 165 en planta; no Quirón, dous en UCI e sete en planta; no Modelo, dous en Uci e cinco en planta e en Cee, 11 en planta. Pacientes en domicilio son 3.898. 

Comentarios