En Marea reivindica que "a marea suba o máximo posible" nas eleccións

O secretario xeral de Podemos, Breogán Riobóo, alentou a que tralas eleccións xerais haxa no Congreso dos deputados "un grupo parlamentario galego"
Breogán Riobóo, Lidia Senra, Lara Rodríguez y Antón Sánchez, de En Marea
photo_camera Breogán Riobóo, Lidia Senra, Lara Rodríguez y Antón Sánchez, de En Marea

En Marea reivindicou este sábado nun acto en Lalín (Pontevedra) que "a marea suba o máximo posible" nas eleccións do próximo día 20 co fin de que "haxa un grupo parlamentario galego". Deste modo pronunciouse o secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Riobóo, segundo sinala En Marea nun comunicado, ao tempo que destacou a urxencia de garantir que a educación e a sanidade sexan públicas, pero tamén unha "xustiza independente".

"En Marea é unha casa común en construción que expande a mensaxe de que non podemos ter medo, a resignación quedou atrás e agora toca saír á rúa e sorrir", subliñou. Por iso, resaltou que "cumpre que o 20D a marea suba o máximo posible e canto máis deputados mellor, para que haxa un grupo parlamentario galego".

Pola súa banda, a eurodeputada de Age, Lidia Senra, asegurou que En Marea "é unha candidatura diversa cun forte compoñente nacionalista". Neste sentido, fixo referencia á "importancia" das próximas eleccións xerais. "Estamos nun momento de gran transcendencia para o futuro das clases populares galegas, do pequeno comercio, da xente traballadora,", sostivo.

"Non podemos consentir que nos sigan gobernando os que levaron a Grecia á situación na que está", abundou Lidia Senra na súa intervención en Lalín, segundo destaca En Marea.

ESTAFAS. Mentres, o vicevoceiro de Age, Antón Sánchez, agradeceu a presenza do alcalde de Lalín, Rafa Cuiña, de Compromiso por Galicia, no acto de En Marea "por estar malia as diferenzas". Sánchez fixo fincapé na denuncia da acumulación "de estafas" da que son vítimas os cidadáns, en relación a temas como "o que se lle está a facer aos gandeiros".

"Están a pechar explotacións sen que os gobernos lle dean unha solución ao sector gandeiro, mentres enterraron oito millóns de fondos públicos para dárllelos aos seus amigos,", sostivo. Por iso, anunciou a "apertura dun tempo novo" coa chegada de En Marea ao goberno do Estado. "Dinnos eses grandes xestores competentes que son Feijóo e Rajoy que non temos experiencia. E certo, nin falta que fai", afirmou.

"É tempo de que veñan os que non teñen experiencia pero que saben que na sociedade construímos unha alternativa, xente que coñece o medio rural e que teñen un modelo para el,", reivindicou. "Estamos a tratar con auténticos corruptos que hai que meter na planeadora de Marcial Dourado e mandalos ao libre mercado", sentenciou.

SOBERANÍA. "En Galicia roubáronnos a soberanía e os recursos, que están ocupados por empresas estranxeiras. Temos que acabar coas deputacións, facer as áreas metropolitanas", defendeu, para o que reclamou "soberanía para poder cambialo e decidilo todo".

A encargada de pechar o acto foi a número catro da lista por Pontevedra, Lara Rodríguez, quen destacou que "en Marea hai un conxunto de forzas diversas formando un proceso de masa crítica que ten credibilidade".

Comentarios