En Marea planea rexistrar grupo no Congreso

Despois pretende integrase no grupo de Podemos se a Mesa denega a súa solicitude
Alexandra Fernández, en 'Los desayunos de TVE'
photo_camera Alexandra Fernández, en 'Los desayunos de TVE'

Os socios de En Marea planean rexistrar a petición de constituirse como grupo parlamentario propio no Congreso dos Deputados, tras lograr cinco deputados e superar o 15% nas catro circunscricións electorais polas que se presentou a coalición o pasado 26 de decembro, e despois integrarse no grupo confederal se a Mesa o denega.

Fontes das tres formacións políticas consultadas por Europa Press explicaron que se mantiveron conversacións coa presidenta da Cámara, Ana Pastor, e que mostrou a súa vontade de facilitar que, unha vez que se reúna a Mesa o próximo mércores día 27 de xullo, e dando por feito que se denegará o grupo parlamentario, se lles permita aos cinco deputados recolocarse no grupo confederal de Unidos Podemos.

Así, e aínda que falta que se reúna a mesa coordinadora de En Marea que acorde de forma oficial a petición de grupo parlamentario propio, os tres socios mostraron a súa vontade de rexistralo nesta ocasión na que, a priori, teñen maiores garantías que en decembro de non rematar no Grupo Mixto.

En todo caso, Izquierda Unida e Podemos son partidarios de contar con todas as seguridades xurídicas para garantir que rexistrar grupo propio non lles impide recolocarse no confederal coa coalición irmá, polo que esperan contar co compromiso verbal por escrito.

EN DECEMBRO NON SE PEDIRA. Na lexislatura pasada, En Marea renunciou a pedir grupo parlamentario, como tamén o fixo así En Comú, debido á falta de garantías de non rematar no Mixto, fronte ao que fixeron os integrantes da confluencia valenciana, que neste caso xa volveron anunciar que este mesmo venres rexistrarán a petición de grupo propio. Entón, xustificouse a actuación para evitar a ruptura dos socios, ao respecto do que o voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, asegurou, pasado o trámite, que a súa formación política cedera ante o risco de que cada deputado rematase nun grupo distinto, como no caso de Compromís.

Se xa entón se priorizara a unidade, a poucos meses dunhas eleccións autonómicas e no medio do debate de como concorrer, agora os socios de En Marea mantéñense nesta mesma liña, cando apenas faltan uns meses para os comicios galegos, aínda que existen voces en Anova que serían partidarias de rexistrar con ou sen garantías a petición de grupo.

A solicitude de constituirse como En Marea no Congreso permite, ademais, o recurso ante o Tribunal Constitucional, situación que comprometeran xa nas eleccións anteriores pero que se inviabilizou ao non chegar a formalizar a petición.

Finalmente, e se como espera o grupo propio é rexeitado pola Mesa do Congreso, con maioría de PP e Ciudadanos, os socios aínda teñen que negociar as condicións da integración como grupo confederal, como as intervencións e o protagonismo de En Marea, que quererá visibilizarse como alternativa para apoiar a candidatura de confluencia nas galegas deste ano.

RECEPCIÓN DO REI. Por outro lado, a voceira de En Marea, Alexandra Fernández, será recibida polo Rei o próximo mércores ás 11.30 horas, no marco da rolda de contactos que manterá a súa maxestade coas forzas políticas para explorar a posibilidade de propoñer un candidato para a investidura.

Comentarios