En primeiro lugar, parabéns por gañar o premio María Josefa Wonenburger. Que supón para vostede?
Moita ledicia, porque aínda que ti non fas o teu traballo para obter premios, estes son un moi bo corolario do traballo feito. E, sobre todo, que a xente tivese, desde a Unidade Muller e Ciencia, a iniciativa de poñer o meu currículo sobre a mesa e que o considerasen merecente do María Wonenburger é unha honra moi grande.
Leva máis dun lustro como decana de Matemáticas na USC, ademais de ser unha das principais investigadoras de España. Destaca polas súas contribucións ao estudo das leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos. Podería explicarlle a un profano en que consiste?
As leis de conservación ligan como varían as cousas. Hai un balance moi básico: nós hoxe na conta temos o que tiñamos onte, máis o que gañamos menos o que gastamos. Que é o máis importante desta familia de ecuacións? Que hai moitos fluxos que se rixen polas leis de balance: o fluxo da auga, do tráfico,o do sangue, de persoas... Eu acabei nesta familia de ecuacións porque había que resolver un problema de fluxo de auga nas rías galegas, a finais dos anos oitenta. Como daquela non había ningún software que o fixese, coa metodoloxía de elementos finitos deseñamos uns algoritmos para aproximar, de xeito eficiente e con precisión, o que estaba a acontecer.
Preside desde 2021 o Proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat). Que labor desenvolve?
Tratar de que agrome ben o talento en mozos e mozas de toda Galicia. Primeiro faise unha proba, á que se presentaron na última edición 330 mozos, e seleccionamos a 30. Teño que dicir que poucas veces nun centro se selecciona a máis dun estudante, pero o IES Leiras Pulpeiro de Lugo sacou tres estudantes seleccionados. Ao mellor non é casualidade que o seu director sexa fillo desta casa, licenciado en Matemáticas pola USC.
Co seu currículo derruba completamente o mito de que as Matemáticas son terreo de homes…
Eu creo que máis que un mito, sería o que hoxe chamamos fake n. Non é unha noticia verdadeira. Pode acontecer que houbese moitas achegas de mulleres que sexan descoñecidas. Pero sempre houbo mulleres. E nesta mesma facultade, na primeira orla, había seis estudantes e cinco eran mulleres. Nestes momentos hai paridade, escorada un pouquiño cara as mulleres. Elas son maioría, algo máis do 50%.
A día de hoxe, non hai dúbida de que as carreiras Stem (de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) son o futuro. A estatística di que a proporción de estudantes nestas carreiras é de tres homes por cada muller...
Por exemplo, en Enxeñaría Informática están minoradas as mulleres. E hai que recordar que as primeiras computadoras foron creadas por mulleres que computaban, tanto nos Estados Unidos como en Rusia. Si que é certo que nesta rama hai menos mulleres, pero a M de Matemáticas compártese coa M de muller, e aí é onde equilibramos e onde non queremos minguar.
En Galicia o talento dixital semella que foxe. O Consello Económico e Social estima que un de cada catro graduados TIC emigra, cando hai 3.000 vacantes no sector, con empresas en busca de matemáticos. Como se explica a paradoxa?
Os nosos estudos de empregabilidade mostran que da xente de Matemáticas que sae de aquí, hai unha porcentaxe moi grande que queda en Galicia. Que ocorre? Que estamos nun momento no que faría falla que se quedase moita máis. Pero tamén é certo que están na mellor idade de moverse, tanto para facer un postdoc ou se ven ofertas atractivas. Entón, o corolario é que as empresas tamén teñen que facer eses postos o máis atractivos posible para que esa xente que ten o arraigo en Galicia vexa que todos os seus desexos se cumpren quedando aquí.
Percibe cada vez máis demanda por cursar Matemáticas?
Si. Estes estudos abren portas. Requiren traballar moito pero son unha ponte moi áxil co mercado laboral. Estanse graduando máis estudantes que nunca. Outra cousa é que iso non chegue para a demanda. Pero aquí non facemos coches. Non podemos dicir: pois que entren o dobre.
Aumentaron as prazas na carreira nos últimos anos?
Hai uns anos había unha taxa de abandono bastante alta, pero, e gracias en parte aos medios, deixaron de asociarnos a suspensos, estudos inacabados... e pasamos ao recoñecemento e prestixio. E a situación revertiuse. Cando vimos que comezaba a aumentar o número de solicitudes, decidimos que socialmente tiñamos que ser corresponsables. O que nos permitía a memoria de verificación do título era pasar de 100 a 110 prazas no grao. A verdade é que como aumentou a demanda foi sorprendente. En 2020, o ano da covid, superamos as 800 solicitudes. Agora estamos en 700 e pico. Pero non se trata de aumentar as prazas sen máis. Houbo momentos con máis e as taxas de abandono eran altas.
As matemáticas sempre estiveron presentes en todos os aspectos da vida cotiá, pero agora aínda máis se cabe, coa elaboración de textos preditivos, traducións automáticas na internet ou os algoritmos de Instagram ou Youtube...
Cóstame moito pensar onde non sería necesario unha persoa matemática. Por exemplo, algo tan matemático como a distancia e as métricas, cando se empezou a analizar o impacto das novas en redes sociais serviu para saber os sendeiros por onde nos movemos en internet e como poden sementarse con publicidade. A finais de2022, houbo unha actividade de divulgación en galego, ‘Matemáticas: habelas, hainas’. Aí puxemos en valor como con isoglosas, analizando datos da lingua, podemos saber comos se moveron as persoas. Por non falar da saúde, onde hai esas matemáticas preventivas que permiten desde facer tratamentos a medida.
"O raro é onde non se usan as matemáticas: desde terapias a medida na medicina ata para medición do impacto das pezas web"
Como animaría a un alumno de 17 anos con dúbidas a cursar Mates?
O primeiro dicirlle que se ten dúbidas, xa está no camiño de ser científico ou científica. Ninguén nace aprendido. Eu, por exemplo, tiven moitas dúbidas entre Física e Matemáticas. Se ten dúbidas e fai o camiño que eu non fixen igual pode ser moi feliz. Se lle gustan os retos, resolver problemas e a abstracción, pois está no bo camiño. Pero que saiban que terán que traballar: non se trata de facer exercicios tipo mecánicamente, porque iso é o que non nos gusta aos que nos gustan as matemáticas. O que nos gusta e poder construir máis aló, mergullarte e ver como se complican as cousas, e ver como podes ser parte da solución.
Un dos motivos do premio foi polo compromiso coa divulgación matemática. Cre que segue a ser unha materia pendente?
Eu creo que sempre queda por facer, pero que se avanzou moito. Hai 20 anos eramos o verme, e hoxe temos a visibilidade dos medios. Houbo moito traballo de despacho, e agora creo que temos unha responsaabilidade social e temos que contalo. Creo que os medios o estades a facer moi ben, porque estades a percibir que as novas de ciencia tamén son atractivas e tamén se len. Antes a visión era máis monóculo, temos que ensinar o abano tan amplo de opcións que hai nas matemáticas.
"Se o que xoga e aposta botase contas, vería que os que acaban levando os cartos son outros"
No Nadal vimos como as regras matemáticas desanimaron á xente que xogaba ao Gordo ou no sorteo do Neno: hai unha probabilidade de gañar entre 100.000. Con este dato, a realidade matemática convida a non xogar...
En todos os eidos do xogo, e máis nestes momentos, cun tema de ludopatía preocupante na xente nova, ogallá as matemáticas fixesen esa labor preventiva. Se conseguimos que o que xoga ou aposta bote contas e vexa que o xogo está pensado para que gañen outros os cartos, fariamos moito. Non hai mellor labor preventivo no xogo que facer as contas.