Educación agradece a "rectificación" sobre os exames de recuperación

Román Rodríguez advirte da "desigualdade" entre comunidades
El conselleiro de Educación, Román Rodríguez. EP
photo_camera El conselleiro de Educación, Román Rodríguez. EP

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, valorou este martes a "rectificación" do Ministerio sobre a supresión dos exames de recuperación en secundaria, pero tamén advertiu de que a decisión de deixalo este curso ao arbitrio das comunidades xerará "desigualdade" entre os estudantes daqueles territorios que eliminarán esta posibilidade fronte ao alumnado das autonomías que manterán estas probas extraordinarias. 

O proxecto de real decreto polo que se regula a avaliación, promoción e titulación, dado a coñecer ás comunidades autónomas este mes de setembro, non prevía a realización dos exames de recuperación en ESO, pero si en bacharelato. Con todo, a ministra do ramo, Pilar Alegría, matizou que a celebración destas probas deixarase finalmente en mans das comunidades autónomas, polo menos este curso, a través dunha disposición transitoria que se incluirá no documento sen modificar o articulado do texto base. 

A preguntas dos medios, Rodríguez reiterou que a Consellería advertiu "desde o primeiro momento" que esta supresión representa "un erro", dado que suporía privar de "oportunidades" aos propios alumnos, polo que en principio considera "positivo" a posibilidade de manter estas convocatorias extraordinarias co curso xa empezado. 
No entanto, o titular educativo trasladou a súa "preocupación" polo anuncio de varias comunidades de que suprimirán as probas neste mesmo período académico e que podería "xerar problemas", dado que parte do alumnado estará avaliado por pautas diferentes en función do territorio no que resida. 

"Entendemos que un alumno de Lugo, de Soria, de Cáceres ou de Sevilla debe ter igualdade de oportunidades e unha situación o máis parecida posible", considerou Rodríguez, quen defendeu manter unhas probas que "posibilita que o alumnado teña máis oportunidades para promocionar".

NOVO MARCO. O conselleiro tamén se referiu á reorganización académica exposta polo Ministerio e que se abordará este mércores na Comisión Xeral de Educación coas comunidades autónomas. Entre outras cuestións, proponse a eliminación de itinerarios en secundaria e a creación de novas ramas de bacharelato. 

Román Rodríguez lamentou coñecer "practicamente pola prensa" esta información, que ao seu xuízo "denota certa preocupación ou desconfianza" cara ás comunidades, que son as encargadas de "deseñar o 50% dos currículos". 

En particular, advertiu de que os postulados anunciados implicarían perder "opcións educativas" en secundaria e outras cuestións que, no caso de bacharelato, xeran dúbidas de cara á súa implementación en territorios como Galicia. "Non sabemos como se poderán implementar en territorios como Galicia, con altísima dispersión demográfica", recoñeceu. 

"A verdade é que parece unha historia interminable. Cada goberno que chega quere cambiar ou modificar os marcos educativos", criticou, o que ao seu xuízo xera "certa incerteza" entre as familias, os docentes e a comunidade escolar. É por iso que chamou, de novo, a traballar para lograr "un pacto educativo" que ofreza "certezas, estabilidade" e que representa "a gran materia pendente" do Estado.

"Se queren facer algo de verdade, algo sólido, algo serio... temos que sentarnos, con tranquilidade", apelou Rodríguez, para debater desde as "diferenzas políticas" pero mantendo diálogo e unha capacidade de traballo que permita evitar "reforma sobre reforma" con cada cambio de goberno. 

Comentarios