As directivas galegas cobran un 68,5% menos que os homes no mesmo cargo

A discriminación salarial en Galicia non afecta só ás traballadoras con menos formación, como se soe pensar, senón que tamén se da, dunha maneira esaxerada na dirección das empresas. As directivas galegas cobran, de media, un 68,5% menos que os homes que ocupan cargos similares. Así o amosa o 'Estudo sobre a situación sociolaboral da muller en Galicia' realizado polo Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo esta investigación, a segunda maior diferencia salarial entre mulleres e homes dáse no segmento de persoal sen estudios, onde os varóns cobran de media un 45% máis que as súas compañeiras. A media en todos os colectivos de traballadoras da como resultado que unha muller en Galicia soe cobrar un 27% menos que un home que desempeña a mesma función.

O organismo responsable do estudo, dependente da consellería de Traballo, asegura que entre os factores que propician a discriminación salarial entre homes e mulleres destacan as "descricións diferenciais" dos postos de traballo, as "comparacións" con outras empresas con traballos feminizados, e polo tanto "infravalorados", o salario mínimo, xa que as mulleres se atopan en xeral nos niveis salariais "inferiores" dentro dos rangos salariais da empresa, ou as crises económicas, que afecta en primeiro lugar ós sectores "máis feminizados".

'Efecto tesoira'
Segundo o Consello Galego de Relacións Laborais, o feito de que as mulleres sexan maioría como alumnas nas universidades galegas non garante nin que a súa inserción laboral sexa máis sinxela nin que os seus soldos estean equiparados ós dos seus compañeiros.

Deste modo, prodúcese o chamado 'efecto tesoira'. Se representamos graficamente a situación -máis mulleres que homes nas universidades, pero a situación inversa en emprego e rango salarial- a figura que se forma é a dunha tesoira que 'corta' a progresión profesional e económica das mulleres.

Solucións
Para a consellería de Traballo, a solución pasa por "incorporar ás traballadoras ás profesións nas que están subrepresentadas" e que constitúen unha fonte primordial de postos de traballo.

Traballo está impulsando varios programas de inserción laboral da muller como o programa de inserción 'Muller porque si' no marco da 'Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres en Galicia', que entrou en vigor o pasado 3 de maio.

Comentarios