Viernes. 20.04.2018 |
El tiempo
Viernes. 20.04.2018
El tiempo

O Parlamento considera "impropio" e "digno de reproche" que Bará rompera unha foto do Rei

Bará rompe un retrato do Rei no Parlamento. PEPE FERRÍN
Bará rompe un retrato do Rei no Parlamento. PEPE FERRÍN

O deputado do BNG asegurou que rachou o retrato do monarca desde a tribuna da Cámara para denunciar a "represiva" Lei Mordaza

O Parlamento galego considera que a destrución da imaxe fotográfica do xefe do Estado é "unha conduta digna de reproche en sede parlamentaria e impropia dun membro" da institución.

Nunha nota feita pública na tarde deste mércores desde a Presidencia do Parlamento, a Cámara alude á actuación do deputado Luís Bará (BNG), que pola mañá mentres estaba no uso da palabra na tribuna defendendo unha iniciativa para acabar coa denominada Lei mordaza rompeu unha foto de Felipe V para reivindicar a liberdade de expresión.

Este feito non provocou unha chamada á orde por parte de Diego Calvo, vicepresidente primeiro da institución, e que nese momento presidía o pleno. Posteriormente, xa co presidente no hemiciclo, Miguel Santalices, o portavoz do grupo maioritario, Pedro Puy (PPdeG), pediu a palabra para solicitar unha chamada á orde ao deputado nacionalista e para pedir que "se saquen as consecuencias legais oportunas".

O regulamento da Cámara contempla chamadas á orde cando se vertan "conceptos ofensivos ao decoro desta, dos seus membros, das institucións do Estado ou de Galicia ou de calquera outra persoa"

Na nota, o Parlamento sinala que o presidente da Cámara, "tras consultar" aos Servizos Xurídicos, trasladará á Mesa e á Xunta de Portavoces "os feitos protagonizados polo deputado Luís Bará". "En todo caso, o Parlamento de Galicia lembra que os deputados están obrigados a respectar a orde, a cortesía e a disciplina parlamentarias (artigo 13) do Regulamento, obrigación compatible coa liberdade de discurso" dos deputados.

Ademais, incide en que o artigo 105.1 do Regulamento contempla a chamada á orde "cando na Cámara se vertan conceptos ofensivos ao decoro desta, dos seus membros, das institucións do Estado ou de Galicia ou de calquera outra persoa ou entidade". "E por todo iso, a destrución da imaxe fotográfica do xefe do Estado é unha conduta digna de reproche en sede parlamentaria e impropia dun membro desta Cámara", conclúe.

Bará: "Romper este retrato non é un delito, senón o ABC da democracia"

OS FEITOS. Bará rompeu un retrato do rei Felipe VI durante a defensa dunha iniciativa en contra da interpretación "represiva" dos delitos de incitación ao odio e enaltecemento do terrorismo. 

Bará, que foi alto cargo do Goberno bipartito de PSdeG e Bloque, defendeu, mentres mostraba dúas fotografías do rei, que "romper este retrato" non é un delito, senón o "ABC da democracia" e alegou que non o podía queimar por estar "nun espazo pechado". 

O nacionalista fixo referencia a principios como a liberdade de expresión e o pluralismo aludindo á condena a España por parte do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) en relación aos mozos cataláns Jaume Roura Capellera e Enric Stern Taulats. 

A Audiencia Nacional impuxera a estes dous mozos 15 meses de cárcere en 2008 por un delito de inxurias á Coroa –unha pena que foi substituída por multa de 2.700 euros– por queimar unha foto dos Reyes tras unha manifestación en Xirona. 

O Parlamento considera "impropio" e "digno de reproche" que Bará...