Dimisión de Antonio Fernández, delegado da Fundacion Galicia Emigracion

José Antonio Fernández, delegado da Fundación Galicia Emigración e máximo responsable do PSOE en Uruguay presentou a súa dimisión. A renuncia veu motivada pola polémica aberta tralo reparto de cheques asistenciais a cidadáns galegos residentes en Uruguay, que o propio Fernández realizou durante a precampaña electoral. Esta renuncia súmase á da directora xerente da Fundación, Pilar Pin, que dimitiu onte.

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento para responder á polémica desatada pola mala xestión destas axudas. Rodríguez acusou ao PPdeG de "fariseismo", por reclamar agora a súa renuncia, "cando no pasado  non depuraban responsabilidades incluso por feitos máis graves". Respondía así ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, que pedira a súa dimisión, e responsabilizara da xestión ao conselleiro de Presidencia, José Luís Méndez Romeu, de quen depende a Secretaría de Emigración.

Rodríguez alabou a "dignidade e responsabilidade política" de Pin e Fernández por teren dimitido do seu cargo por unha mala xestión e acusou ao PPdeG de ter empregado os mesmos métodos para o reparto de axudas nas campañas electorais de 2002 e 2003. O secretario xeral afirmou que "si o anterior Goberno tivese a integridade de Pin e Fernández non xuntaría xente nin para xogar un partido de fútbol".

Polémica no voto emigrante
O reparto dos cheques asistenciais a cidadáns galegos no Uruguay abriu a polémica e o cruce de acusacións. As axudas estaban resoltas dende xaneiro, pero foron entregadas meses despois, en man e en precampaña electoral. Isto foi visto polos demais partidos como un acto electoralista feito con fondos públicos, e motivou o escándalo e o debate sobre os intentos de compra do voto emigrante.

A este respecto, o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, calificou a xestión das axudas de "política farisea e doble moral" por parte do Goberno galego e aludiu a que o reparto de cheques é só a "punta do iceberg" do escándalo. O BNG tamén reclamou que se realicen de inmediato modificacións no sistema electoral que rexe o voto emigrante para garantir a transparencia no proceso e evitar este tipo de actos.

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño recoñeceu a mala xestión das axudas, pero tanto el como Méndez Romeu deron por zanxada a polémica coa dimisión de Pin e Fernández.

Comentarios