Díaz e Fernán-Vello condenan a "absoluta deslealdade" de Alexandra Fernández

"Ten unha posición política diferenciada da do grupo desde hai moito tempo", aseguran

Yolanda Díaz e Miguel Anxo Fernán Vello. TWITTER
photo_camera Yolanda Díaz e Miguel Anxo Fernán Vello. TWITTER

Os deputados de En Marea no Congreso Yolanda Díaz e Miguel Anxo Fernán-Vello condenaron este venres a "absoluta deslealdade" cara ao seu grupo parlamentario de Alexandra Fernández, quen "ten unha posición política diferenciada da do grupo desde hai moito tempo".

"O que está a suceder agora é que Alexandra Fernández culminou o que leva facendo practicamente case un ano: se antes operaba á marxe do grupo de forma unilateral, agora quere escenificar a súa distancia", afirmou en declaracións á prensa Fernán-Vello, en referencia á decisión da deputada de votar contra os Orzamentos Xerais do Estado.

Segundo apuntaron os deputados, Fernández comunicaría formalmente por escrito o pasado 11 de setembro que se retiraba do grupo parlamentario, un grupo que, segundo precisaron, decide o sentido do voto por consenso, aínda que a parlamentaria decidiría saírse deste acordo.

"Non é a primeira vez que vota diferente do grupo: votou contra os traballadores de Alcoa, votou diferente ao resto con respecto ao Real Decreto de vivenda e noutras cuestións", apuntou Fernán-Vello, quen engadiu que "nin sequera coincide coas alianzas en Galicia", xa que "non apoia a Ferrol en Común ou á Marea de Vigo, entre outros".

Yolanda Díaz foi máis dura e apuntou que "votar contra Alcoa é moi grave" e "votar contra os pensionistas é moi heavy", sobre todo "despois de que nos deixásemos a pel negociando algo que afecta a miles de seres humanos como é o prezo do aluguer".

"Hai moito tempo que nos demos conta de que tiña unha posición política diferenciada, que non concorda coa maioría do grupo; xa terminou o seu traballo e agora xa está, a disciplina de voto non serve para solucionar problemas políticos", resolveu Díaz, quen matizou que o posicionamento político de Fernández "é totalmente lexítimo".

Mentres tanto, Fernán-Vello tamén sinalou que el, como "defensor de Galicia e dos valores da esquerda", o último que faría sería "emitir un voto á beira do PP de Casado e Feijóo, que en Galicia tortura sanitariamente á xente, ou á beira dos Ciudadanos de Rivera". "Todos fomos libres votando, a min ninguén me ordenou nada, votei en conciencia; isto dígoo porque teño que dicilo, porque votei a favor dos fondos á dependencia a poboación envellecida e os permisos de paternidade e maternidade e nunca votaría á beira dos que queren aniquilar todo iso e o estado das autonomías", concluíu Fernán-Vello.

Comentarios