martes. 03.08.2021 |
El tiempo
martes. 03.08.2021
El tiempo

O investigado pola morte de Nerea Añel négase a declarar

Imagen de la desaparecida Nerea Añel. SOS DESAPARECIDOS
Imagen de la desaparecida Nerea Añel. SOS DESAPARECIDOS
O home xa se atopaba en prisión, onde ingresara por outros delitos

O detido pola morte de Nerea Añel –a moza cuxo cadáver foi achado o pasado mes de setembro nas proximidades dunha aldea no Concello de Barbadás– acolleuse ao seu dereito a non declarar ante o Xulgado de Instrución número 3 de Ourense.

Diso informou o Tribunal Superior de Xustiza este martes, á espera de que a xuíza que leva o caso emita auto sobre a situación do detido.

Durante a xornada do luns realizouse unha reconstrución de feitos que continuará este martes. O detido –actualmente en prisión por outros delitos– está a ser investigado por un suposto delito de homicidio pendente de precisar ao longo da instrución se con dolo ou por imprudencia.

O caso atópase baixo segredo de sumario a cargo do Xulgado de Instrución número 3 onde, dado o volume de traballo e como o investigado está en prisión, cabe a posibilidade de que a resolución se dite o mércores.

Nerea Añel desapareceu en Ourense a mediados de xaneiro do ano pasado, a súa familia viuna por última vez a noite de Reis. O seu cadáver foi localizado en avanzado estado de descomposición oito meses máis tarde, en setembro do mesmo ano, nunha aldea abandonada do Concello de Barbadás. 

A análise do corpo descartou as causas naturais e confirmou a morte violenta da moza, e a investigación centrouse en aclarar as circunstancias do ocorrido.

A XUNTA ESPERA QUE "SE RESOLVA CANTO ANTES". Pola súa banda, a conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, afirmou que espera que o caso "se resolva canto antes".

Así, Lorenzana indica que, "se se trata dun caso de violencia de xénero, non se pode aceptar unha soa vítima", aínda que remarcou que é un caso baixo segredo de sumario. Igualmente, mostrou o seu "rexeitamento" a esta problemática, así como o apoio á familia.

O investigado pola morte de Nerea Añel négase a declarar