domingo. 29.11.2020 |
El tiempo
domingo. 29.11.2020
El tiempo

Detido un home en Poio por agredir a súa exparella

Detido por agredir a súa exparella en Poio. DP
Detido por agredir a súa exparella en Poio. DP
Foi apresado tras protagonizar un altercado ao día seguinte de ser denunciado por violencia machista
 

A Policía Local de Poio detivo un home como presunto responsable de agresións machistas á súa exparella sentimental. O presunto agresor foi apresado un día despois de ser denunciado por violencia machista por parte da muller, coa que iniciou unha forte discusión mentres se atopaba  na vía pública, concretamente no parque de Santa Rosalía, a escasos metros das dependencias policiais.

Ante as peticións de auxilio da muller, os axentes acudiron ao lugar e procederon á súa detención, informou a Policía Local de Poio. Segundo explican os axentes, a orixe do conflito tería que ver coa custodia do fillo do agresor e da víctima.

Outros dous homes foron investigados pola Policía Local de Poio no que vai de ano como presuntos responsables de violencia machista. Un deles protagonizou un altercado nun establecemento do núcleo de San Salvador. Testemuñas presenciais foron as encargadas de alertar os axentes, que abriron dilixencias para aclarar un posible delito de ameazas e insultos.

Duarte fai fincapé na importancia de que as víctimas deste tipo de agresións machistas presenten denuncia

A terceira investigación tamén ten que ver cun veciño do municipio, por unha discusión no ámbito doméstico.

O máximo responsable da Policía Local poiense, Antonio Duarte, fai fincapé na importancia de que as víctimas deste tipo de agresións machistas presenten denuncia, unha tendencia que, "pouco a pouco, vai aumentando", segundo indica o axente. Neste sentido, Duarte lembra que durante o ano 2019 foron seis os detidos por protagonizar actos de violencia machista, ademais doutros tantos investigados.

Incumprimentos de ordes de afastamento, episodios violentos no ámbito familiar ou agresións, foron algunhas das accións perpetradas polos sospeitosos. Duarte lembra que a Policía Local garante "máxima intimidade e privacidade" ás víctimas á hora de tramitar as denuncias.  Ademais, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, lembra que os integrantes do corpo de seguridade reciben "formación continua" para "estar preparados para facer fronte a este tipo de casos".

Os axentes poienses dispoñen dende principios de 2020 dunha nova acta para documentar de xeito máis eficaz posibles casos de violencia machista

Por outra banda, os axentes poienses dispoñen dende principios de 2020 dunha nova acta para documentar de xeito máis eficaz posibles casos de violencia machista ou doméstica.  Trátase dun documento que se inclúe na plataforma Xespol, a través da cal a Policía Local xestiona, de xeito áxil e efectivo, as diferentes actuacións que desenvolven no seu día a día. A través desta acta pódense obter rapidamente datos sobre a alerta en cuestión, así como das persoas presentes no lugar dos feitos, da propia víctima ou das medidas asistenciais e de protección que se poden outorgar.

Grazas a este documento, queda rexistrada calquera tipo de incidencia, o que facilita e axiliza a actuación dos axentes, mesmo antes de que se produza unha denuncia. Esta ferramenta foi deseñada pola axente da Policía Local de Carballo Katerina Pena e, segundo informa o Goberno local, Poio é un dos Concellos pioneiros á hora de darlle uso.

Detido un home en Poio por agredir a súa exparella
Comentarios