Desaloxan unha festa en Vilanova e sancionan a 23 persoas

Foron denunciados o dono e 22 clientes ►Varios veciños deron a voz de alarma
Interior de un local de ocio
photo_camera Interior dun local de ocio.

A Garda Civil e a Policía Local desaloxaron este venres pola noite unha festa con decenas de persoas nun local de Vilanova de Arousa. No operativo, foron denunciados tanto o dono como 22 clientes por non respectar as medidas para o control da pandemia da Covid-19. 

Tal e como informan a Europa Press fontes do Instituto Armado, foron varios veciños os que deron a voz de alarma ás autoridades. Tras iso, sobre as 22,00 horas da noite, varias patrullas da Garda Civil e unha do corpo local desprazáronse ata o lugar. 

Unha vez alí, os axentes comprobaron que "había moita xente tanto no interior do local como na terraza, ademais da música", explican estas mesmas fontes. 

Tras proceder ao desaloxo do establecemento, a Garda Civil levantou 22 denuncias a clientes e outra ao dono do local por non respectar as medidas de distanciamento social nin o aforamento permitido durante a fase 1 da desescalada. 

Todo iso ademais da suposta celebración da festa, xa que as reunións de máis de dez persoas non están permitidas. A maiores, a Policía Local levantou varias denuncias por vulnerar o regulamento de circulación. 

O dono do establecemento poderíase enfrontar a multas de entre 600 e 300.000 euros por non respectar as restricións derivadas do estado de alarma.