A deputada soberina Paula Vázquez Verao tamén pide a dimisión de Paula Quinteiro

Súmase á posición defendida por Luís Villares o pasado luns

Paula Vázquez Verao. AEP
photo_camera Paula Vázquez Verao. AEP

A deputada de En Marea pola provincia de Lugo Paula Vázquez Verao sumouse este mércores á petición de dimisión da representante da mesma formación no Parlamento galego Paula Quinteiro, a raíz do seu incidente coa Policía Local de Santiago.

"Creo que debería dimitir. Pode ser que sexa inxusto para ela, pera ás veces hai que decidir entre o que esixe a cidadanía e situacións que escapan ao noso control. Empatizo coa súa situación (...). Se isto mesmo lle ocorrese ao PP, esixiriamos a dimisión", dixo a soberina, nunha entrevista na Radio Galega. Vázquez Verao é adscrita a Cerna e forma parte do grupo que actualmente é hexemónimo no consello das mareas.

O incidente de Quinteiro derivou nunha cuestión interna despois de que a dirección política de En Marea, capitaneada por Villares, decidise pedir a dimisión da deputada, o que daría entrada a Xoán Hermida, afín á actual dirección da formación política.

Paralelamente á postura do consello das mareas, o grupo parlamentario, que tamén preside o maxistrado, decidiu deixar o asunto nun expediente interno e avalar a continuidade de Quinteiro, polo menos polo momento, no Pazo do Hórreo.

A pesar diso, e a que Villares internamente non votou favorablemente a ningunha das cuestións que se someteron a debate (abstívose), o pasado luns saíu publicamente, a "título persoal", para pedir responsabilidades á parlamentaria, isto é, que deixase a súa acta. 

Ademais, a posible consulta interna sobre a revogación do seu cargo tensionou aínda máis a convivencia interna e valeulle reproches de parte do seu grupo na reunión que mantiveron para preparar o pleno

POSICIÓN DE PODEMOS GALICIA. Mentres, Paula Quinteiro, que é inscrita de Podemos Galicia —da corrente Anticapitalista—, ten o aval da dirección política para continuar como deputada, aínda que tamén se lle abriu expediente interno na formación morada. 

Está pendente un pronunciamiento concreto do máximo órgano cidadán do partido, aínda que a súa secretaria xeral, Carmen Santos, xa cargou contra o portavoz de En Marea, Luís Villares, por "reabrir" o caso coas súas declaracións públicas e criticou a "pésima xestión" do asunto. 

NORIEGA TOMA "DISTANCIA". Pola súa parte, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, tomou "distancia consciente" sobre a situación que vive En Marea.

En declaracións aos medios este mércores, Noriega, que en días pasados cuestionou a xestión que se fixo por mor da cuestión policial, manifestou que a súa preocupación agora é Compostela Aberta e o espazo local. "E o que nos toca aos homes e mulleres de Compostela Aberta é traballar nun espazo consolidado que me consta que é unha ameaza para o PP", subliñou. 

Noriega non quixo opinar sobre as declaracións do portavoz parlamentario e do partido, Luís Villares. "Non estou en posición de achegar nada novo", manifestou, remitíndose á súa posición "fixada" en días anteriores e volvendo insistir en que está "absolutamente centrado na dinámica da cidade, que ben vale a pena o esforzo". 

Comentarios