''De ter eu a chave de goberno en Galicia pode haber un Executivo en minoría, o que é bastante san''

Nunha conversa aderezada con dobre ración de cafeína unha vez localizado o seu móbil extraviado, Conde (Tui, 1948) fala de política coa mesma enerxía coa que reitera a súa inocencia no caso que segue dando titulares tras levalo case 15 anos a prisión. O que foi un dos homes máis poderosos de España e agora vive “entrando en Galicia á dereita” di que non se meteu en política para volver ter poder, “senón para devolver o poder dos políticos ao pobo”.

P Hoxe é noticia polo embargo dos seus terreos no caso ‘Banesto’. ¿É coincidencia en plena campaña?
R Esa é unha sentenza do ano 2000, que por certo foi anulada polo Comité de Dereitos Humanos da ONU en 2005, aínda que a Xustiza española non fixo caso. O que é evidente é que durante doce anos tiveron tempo para facer o que quixeron e non fixeron nada. ¿Cando empezaron a moverse? Pois en plena campaña electoral. ¿Iso é unha casualidade? Cada un que pense o que queira, pero a Audiencia entrou en campaña.




P E investiga se oculta a súa fortuna nunha sociedade en Luxemburgo.

R Di que son dono dunha sociedade alá, que hai indicios. O xuíz podería preguntarlle a un de Luxemburgo se é así e non o fai. Pero xa me teñen afeito, porque no 98 mandáronme a prisión por apropiarme de 600 millóns que foran abonados nunha conta de Suíza. Entón pedín que antes de condenar unha persoa preguntasen; non o fixeron e enviáronme a prisión –logo logrei que un xuíz preguntase e demostrouse que eu non tocara unha peseta–. Pero xa chove sobre mollado, e están a tomar por bobos os galegos.

P ¿Cre que este asunto o pode prexudicar na carreira ás urnas?

R Polo que vin nas redes sociais pode ter unha incidencia, pero positiva. Ademais, sae o día en que o Consello de Contas di que Feijóo falsificou as contas e que a solvencia de Galicia se fai a base de ocultar 400 millóns. Independentemente de que me estraña que Galicia poida ser solvente cando falamos cos gandeiros... e fatal; cos mariscadores, e fatal; cos autónomos, e fatal... Creo que o “Galicia vai ben” só é para a clase política, para parlamentarios que cobran 5.200 euros ao mes.

P ¿Que espera vostede destas eleccións, experimentar como din algúns ou vese con opcións?
R Polo que estou a ver na sociedade galega eu non teño nin a máis mínima dúbida; estou completamente convencido de que si teño opcións. A xente ve que unha voz da sociedade no Parlamento pode ser revitalizadora da democracia.

P E xa que está convencido de lograr representación o 21-O, ¿con quen pactaría despois de que Feijóo deixara claro que non quere saber nada de vostede?
R A Feijóo non lle preocupa o meu pasado, do que falou, senón o seu futuro despois de que eu dixera que abrirei unha investigación sobre as preferentes, que el coñecía e ocultou aos galegos. Pero non é comigo con quen non quere pactar, que me dá igual, senón cos miles de galegos que están dispostos a votarme. Entón, se temos que pactar con alguén xa sabemos que con el non podemos.

P E co resto tampouco, porque xa dixo que cos comunistas e independentistas xamais pactaría.
R Por suposto que non.

P Entón, se vostede tivera a chave de goberno entendemos que deixaría o Executivo en minoría.
R Pode habelo, que é bastante san. Porque significa que antes de facer cousas ten que preguntar. Que significan as coalicións: “¿Ves comigo?”. “Si, ¿que me das?”. “Douche unha consellería, dúas direccións xerais...”. Eu non quero nada, só debater o que van facer.

P ¿Que propón o partido que lidera á sociedade galega?
R Nós non imos facer un programa electoral que propoña unha sanidade magnífica, porque iso paréceme literatura e unha tomadura de pelo. O que propoñemos son cousas moi concretas, como acabar cos privilexios da clase política, un debate sobre o modelo autonómico e investigacións sobre as preferentes e a fusión das caixas. Que cando se debata no Parlamento se oia a voz da sociedade, e non só a dos políticos.

P Tendo en conta a actual de-safección cos políticos e a banca, ¿non é un momento complicado para que entre en política un ex banqueiro e ademais condenado?

R É ao revés, vén dun sector oposto ao actual, xa que eu defendía un modelo bancario de servizo á sociedade, fronte a este de riqueza financeira. Entón a pregunta correcta sería: ¿que lle parece que se presente un señor que foi condenado por levar 600 millóns e demostrou que non levou nada? E faino en contra duns políticos que enganan e incumpren o prometido. Iso dirano os galegos.

P ¿Cal é a súa postura co idioma?

R Evitar que alguén queira construír unha fractura social en Galicia con el, cando nunca a houbo. Eu crieime no bilingüismo porque miña nai falábame galego-portugués e eu contestáballe en castelán, que era o idioma do meu pai. Eu o que defendo é a liberdade, tamén na educación.

P Antes falaba da literatura electoral acerca da sanidade pública.
R Vexa vostede o que dixeron os partidos en 2009 e vaia falar cos médicos e enfermeiras, e a ver en que se parece o que lle contan. Nós o que queremos é que a sanidade pública sexa transparente, e antes de cortar nin un só duro neste ámbito hai moitos outros nos que facelo. ¿Quen decide agora a prioridade na asignacion do diñeiro? ¿Os cidadáns? Non, os políticos, e eu non quero que se gaste diñeiro en traducir ao galego unha película de Clint Eastwood se iso implica non ter unha sanidade eficiente. Hai que debater na Cámara que facer co diñeiro. ¡E non vou pasar nin unha!

''Dáme a impresión de que o presidente da Xunta vai ter que volver usar 'gomina''

P ¿Que afeccións ten?
R A lectura, o vídeo, a fotografía e a guitarra.
P ¿Unha cor?
R Verde.
P ¿E un lugar?
R Chaguazoso, onde resido, no concello ourensán da Mezquita.
P ¿Que non falta nunca na súa neveira?
R Queixo branco, de Burgos.
P ¿Un libro?
R Na casa teño 2.900.
P ¿Non sae da casa sen...?
R Sen teléfono móbil, ¡menos hoxe! (risas)
P ¿Que coche conduce?
R Un... non sei. ¿Que coche conduzo? –pregúntalle a unha persoa do seu equipo–. Iso, un Chrysler. É que non me gustan os coches.
P ¿Que ou a quen non levaría a unha illa deserta?
R ¡A Aznar! (risas).
P Na mesa, non pode resistirse ante...
R As albóndegas.
P ¿Traxe ou vaqueiros?
R Case sempre traxe, aínda que tamén uso vaqueiros.
P ¿Unha viaxe inesquecible?
R A Marrocos.
P Confese: ¿fixo trampa algunha vez?
R Supoño que algunha si, pero non me acordo.
P ¿Unha materia pendente?
R Recuperar o poder para a sociedade civil.
P Algo do que se arrepinta.
R De equivocarme con certas persoas; de darlle cariño a quen logo me traizoou.
P En política a estética é clave. En Galicia fálase do moito que gañou Feijóo ao deixar a ‘gomina’. ¿Vostede algunha vez se propuxo cambiar de imaxe?
R Dáme a impresión de que o presidente da Xunta vai ter que volver usar gomina (risas).
P ¿Por que se presenta o 21-O? ¿É un reto persoal?
R Eu xa non teño nada que demostrarme. Tras superar a proba máis importante que un pode ter, que é axudar a persoa que queres a morrer, a miña muller, estou moi tranquilo. Coñézome porque a prisión é un espello do interior, e sei o que é resistir ao sistema. Montei unha sociedade civil ao ver que imos a peor, pero non se pode facer nada se non estás dentro.
P Vostede, que foi unha persoa tan poderosa, ¿que lle diría a quen cre que só se meteu en política para volver ter poder?
R ¡Que non me voten! É ridículo pensar iso, porque entre ter un ou dous escanos no Parlamento galego e ser o presidente do grupo financeiro máis importante do país...
.

Comentarios