Cuiña: ''Alguien en el PP dijo que con un puesto callarían mis críticas, pero yo no me prostituyo''

Tras deixar ''por coherencia'' o partido ao que pertencía ''desde que tiña uso de razón'', Rafa Cuiña (Lalín, 1972) revela o ''desgusto'' que o empuxou a dar un paso moi meditado e non descarta estar no novo proxecto nacionalista.

Pregunta: ¿A que se debeu a súa baixa como militante do PPdeG?
Resposta: Son unha persoa con presenza nos medios e cunha liña crítica con determinadas políticas do que ata agora era o meu partido. Por iso, non quero molestar e por coherencia decidín que debo non militar nese partido cando estou facendo análises políticas diverxentes coa súa liña. Non é por criticalos, porque teñen todo o meu respecto e afecto.

P: Falando das súas críticas, ¿algunha vez lle deron o toque desde o partido?
R: Nunca. Sempre me sentín absolutamente respectado. É algo que teño que agradecerlle especialmente ao presidente da Xunta: o seu impecable comportamento comigo. O que pasa é que eu non creo no pensamento único dentro dos partidos, senón nos debates, e non é o momento no que exista un debate político e interesante no seo do Partido Popular.

P: A nivel persoal supoño que foi doloroso deixar o partido do seu pai, o ex conselleiro Xosé Cuiña.
R: É moi doloroso, si. Eu tiña un acordo tácito co meu pai de que, mentres vivise Fraga, –porque el queríalle como a un segundo pai e eu xa era crítico daquela–, non deixaría o partido, e así o fixen.

P: ¿Desde cando viña meditando a súa baixa no PPdeG?
R: Desde hai bastante tempo. Cando se fixeron cousas como o novo decreto do galego empecei a non sentirme cómodo porque pensaba que iso era negativo para esta terra. De aí empecei a derivar nun sentimento de que, por coherencia
ao levar unha liña crítica coa actual directiva do PPdeG, o mellor era deixar con humildade esa condición de militante.

P
: A ese punto de inflexión que supuxo o decreto, ¿seguiulle recentemente algún outro tema que fora para vostede a gota que colmou o vaso?
R: Pois o certo é que alguén importante do partido, que non é o presidente, dixo que a min dándome ''algún postiño'' me calarían, se ben eles non atendían a presións. Ese comentario desgustoume porque me considero unha persoa absolutamente íntegra que non se dedica a facerlle a pelota a ninguén para ter cargo algún. O único que me importa como galeguista é Galicia, polo que non me prostitúo por ningún tipo de oferta. Ao mellor están acostumados
a que outro tipo de xente o faga...

P: ¿Ninguén tentou convencelo para que non se fose?
R: Si, xente como o alcalde de Lalín, ao cal lle agradezo o seu apoio.

P: ¿Recibiu moitas chamadas? ¿Cal foi a reacción dos compañeiros?
R: Moi positiva. Chamáronme tanto militantes como deputados e alcaldes, dicíndome que o Partido Popular era a miña casa, que pensase ben o que facía e que había moito por facer, se ben respectaban a miña decisión.

''¿O novo proxecto nacionalista? Non vou pecharme portas; o tempo o dirá''
P: Xa o sitúan no novo proxecto nacionalista. ¿Verémolo embarcado nel?
R: Estou escoitando moita xente de sensibilidade galeguista e creo que vai xurdir un novo proxecto que non ten nada que ver co BNG. Non vou pecharme portas, porque non teño por que facelo, pero tampouco as vou abrir porque si. Estou tranquilo e adicándome á miña vida laboral, e o que diga o tempo xa o dirá.

P: ¿Por onde cre que debe ir esta nova formación?
R: Existe un espazo baleiro, desde o centro dereita ata o centro esquerda, porque hai xente que sente que non ten ningunha formación á que apoiar. Eu creo que hai espazo e é o momento histórico, pero teñen que darse moitas circunstancias para que isto se produza con éxito.

Comentarios