A CRTVG reorganiza a súa estrutura directiva cun total de 16 nomeamentos

A remodelación acometida por Alfonso Sánchez Izquierdo entrará en vigor o próximo 1 de xuño
El director general de la corparación CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo
photo_camera El director general de la corparación CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, reorganizou a estrutura directiva da Corporación Radio e Televisión de Galicia, con 16 novos nomeamentos e 15 cesamentos cos que busca "un mellor funcionamento do servizo público" na "nova etapa dixital".

Segundo explicou o ente público nun comunicado, a partir deste martes a CRTVG pasa a estar organizada en cinco grandes áreas: Área de Xestión Corporativa, Área de Información e Documentación, Área de Contidos, Área de Soporte Tecnolóxico e Medios, e Área de Innovación e Negocio.

Ademais, xunto ao nomeamento dunha persoa Adxunta ao Director Xeral, que será Rosa Vilas, créase a Oficina do Director Xeral, na que pasa a integrarse o departamento de Proxección Social, que dirixirá Xaime Arias.

"A motivación desta reorganización é a necesidade de adaptar plenamente a CRTVG a unha nova dinámica produtiva, de proxección e comercialización no marco da dixitalización das canles públicas", sinala a corporación na súa nota de prensa, na que asegura que para iso, a nova estrutura terá "un carácter máis orgánico, áxil e horizontal" para "potenciar a proxección multimedia do servizo".

NOVA ORGANIZACIÓN POR ÁREAS. En primeiro lugar, na área de Xestión Corporativa intégranse unha nova directora de Recursos Humanos, Susana Fernández Veiguela. O departamento, que seguirá dirixido por Miguel Rodríguez Barrio, abrangue Asesoría Xurídica, Economía e Contabilidade, así como Recursos Humanos. Precisamente, deste último cesa o director Jorge Varela, que pasa a ser xefe de proxecto, e o actual xefe de Formación e Selección, Paulino Novo.

Así mesmo, a área de Información e Documentación será dirixida por Concepción Pombo, actual redactora xefa de Informativos. A actual directora de Informativos, Pilar Bermúdez, pasa a ser directora Operativa, con responsabilidades directas na Radio Galega. "Esta área será un dos nodos centrais da organización en canto á elaboración, xestión, arquivo e difusión dos contidos informativos, tanto da TVG como da Radio Galega", destaca a corporación.

En canto á Área de Contidos, estará dirixida polo que foi director do departamento de Proxección Social durante o últimos oito anos, Fernando R. Ojea. Esta integra o antigo departamento de Programación e terá responsabilidades en relación a todos os contidos informativos da corporación. Rosa María Sierra, ata agora subdirectora da Radio Galega, será a subdirectora de Programación e Emisións.

Pola súa banda, a directora da área de Soporte Tecnolóxico e Medios será a enxeñeira Sara González Otero, que se responsabilizará do funcionamento das infraestruturas e sistemas técnicos e tecnolóxicos, así como dos recursos e procesos técnicos de produción e realización. A subdirección de Medios será exercida por Carlos Carballo.

Por último, a área de Innovación e Negocio pasará a ser dirixida por José Pereira, ata agora vicerreitor de Comunicación da USC. Este novo departamento integrará o servizo de Xestión Comercial e de Mercadotecnia e outro, de nova creación, o de Contorna Dixital.

INFORME AO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN. A CRTVG explicou que o seu director, Alfonso Sánchez Izquierdo, informou na mañá deste martes ao Consello de Administración da CRTVG desta nova estrutura e dos nomeamentos, que entrarán en vigor o próximo 1 de xuño. Ademais, Izquierdo destacou o traballo desenvolvido "polo equipo directivo que ata o día de hoxe liderou a organización neste últimos nove anos" e agradeceulle "a súa implicación, valía profesional e absoluto compromiso".

"Os parámetros básicos actuais da CRTVG, tanto de audiencia como de calidade informativa, así como de xestión ou equilibrio financeiro, están nas primeiras posicións entre os sistemas públicos de comunicación en España", indicou.

Comentarios