Críticos de En Marea abandonan a reunión do Consello por ataques "persoais" contra Paula Quinteiro

Esta situación complica que saia adiante o acordo do grupo de abrir un expediente á deputada

O Consello das Mareas decidiu este venres pedir a dimisión da deputada Paula Quinteiro como parlamentaria en base a unha cuestión "ética", tras o seu incidente coa Policía. Os tres parlamentarios que forman parte do Consello dás Mareas, o propio portavoz, Luís Villares, Paula Verao e Davide Rodríguez, abstivéronse na votación.

Integrantes críticos do Consello das Mareas e contrarios á xestión do portavoz Luís Villares abandonaron a reunión do organismo ao entender que nela se lanzaron ataques "persoais" contra a deputada Paula Quinteiro. Antes do abandono, Quinteiro, que chegara á reunión acompañada destes críticos e que non forma parte do Consello, por tanto xa non estaba cando xurdiu a discusión, defendera ante este órgano a súa actuación no incidente polo que foi identificada pola policía.

Un dos críticos, Pedro Rivera Peio (de Marea Vigo, Podemos) exerceu de portavoz, explicou que el e os seus compañeiros, entre os que destacan persoas agrupadas a un movemento denominado Recuperar En Marea como Iago Martínez, Rafa Dopico, Sara Outeiral e Borja Sanramón, que no plenario do pasado de xullo tentaron evitar que Villares continuase á fronte de En Marea a nivel orgánico, decidiron abandonar a reunión ao entender que o que se estaba dando era unha "farsa".

"Non estabamos nada de acordo coas declaracións eminentemente persoais" que se arroxaron contra Quinteiro "e decidimos abandonar a sala" ao non ser partidarios do "xuízo político sen probas, quizais con intereses internos, en busca dun equilibro de poder".

A intervención que molestou aos críticos foi protagonizada por Xurxo Triñanes (Boiro Novo) que, con todo defendeu a súa postura, ao insistir en que é lóxico que nunha organización se pidan "explicacións" sobre unha actuación desafortunada "por moito que sexa dos nosos".

Non somos partidarios do xuízo político sen probas, quizais con intereses internos, en busca dun equilibro de poder

Esta situación complica que saia adiante o acordo do grupo de abrir un expediente á deputada, segundo confirmaron fontes de En Marea.

Paula Quinteiro viuse envolta na madrugada do sábado ao domingo nunha disputa coa Policía Local que realizaba un control nocturno por vandalismo. Cando os axentes quixeron identificar a unha persoa que ía no seu grupo, segundo o atestado policial, a deputada "dificultou" este labor e interferiu esgrimindo o seu carné de parlamentaria, pero ela asegurou que unicamente quixo intermediar. 

REUNIÓN DO GRUPO. Esta situación deixa sen efecto o consenso que se alcanzou no grupo parlamentario previamente, nunha reunión na que participou o portavoz, Luís Villares, que tamén lidera o partido. Con todo, a saída dos críticos da reunión complica que finalmente a coordinadora evite pedir a dimisión de Quinteiro. 

A Coordinadora de En Marea, que é o órgano que se corresponde cunha executiva dun partido clásico, levou á reunión deste venres a proposta de pedir a dimisión a Quinteiro, unha revogación que, en última instancia, tería que votar o conxunto dos membros de En Marea de forma asemblearia. 

Con todo, na reunión previa do grupo, que presidiu o propio Villares, alcanzouse o consenso de non ir ata ese punto e unicamente abrir expediente interno á deputada e esperar a instrución policial, segundo confirmaron fontes de En Marea. 

Por tanto, o grupo que apoiou a Villares para converterse en portavoz de En Marea, e os que non foron os membros da súa propia lista política coa que se presentou ao órgano de dirección, poden desautorizar, se finalmente se acordase pedir a dimisión, o consenso que el mesmo apoiou no seo da reunión parlamentaria.  

Comentarios