Crespo e a 'romaría de soldos' dos alcaldes

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Xosé Crespo Iglesias, ven de propoñer que se regule o soldo dos alcaldes. Crespo defende "que os soldos dos alcaldes e dos edís con dedicación exclusiva debe estar regulamentariamente fixados, ao igual que os están as retribucións dos secretarios e interventores municipais".

Apunta a empregar como baremos para marcar os soldos a categoría do concello e o grao de responsabilidade que ten o cargo. O responsable da Fegamp sostén que coa aplicación desta medida se evitarían "debates estériles cada vez que comeza un novo mandato e que se desen situacións como que alcaldes queden sen soldo, por falla de acordo ao non obter a maioría absoluta".

'Romarías de soldos'
Crespo, en declaracións á Radio Galega, anunciou que instará dende a Fegamp a que se leve adiante unha reforma lexislativa neste sentido, para acabar "co sistema de libre albedrío que hoxe está instalado á hora de fixar estas retribucións e que dá lugar a continuas romarías de soldos, ao estilo dunha auténtica feira, prácticas que deberían estar totalmente abolidas no xogo democrático actual".

Segundo a normativa actual, os soldos de alcaldes e concelleiros con adicación exclusiva decídeos a propia corporación municipal a través da votación en reunión plenaria. Esta situación dá lugar a polémicas sobre o que deben cobrar os alcaldes que estes días salpicaron os medios de comunicación.

Casos como que a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González,  sexa a mellor pagada de Galicia, ou que o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, aumentase o seu soldo un 38%, reabren o debate sobre se se debe fixar un soldo para os cargos municipais.

Soldo (bruto anual) dos alcaldes nas cidades galegas

  • Vicente Irisarri (PSdeG), Ferrol: 73.000
  • Francisco Nóvoa (PSdeG), Ourense:  72.000 €
  • Javier Losada (PSdeG), A Coruña: 70.859 €
  • Abel Caballero (PSdeG), Vigo: 70.000 €
  • Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG), Santiago: 67.200 €
  • Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), Pontevedra: 64.700 €
  • José López Orozco (PSdeG), Lugo: 63.000 €

Comentarios