A Coruña, de toda a vida

Por fin semella que A Coruña é legal. A Lei de Normalización Lingüística dicíao moi claro no seu artigo 10: os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega. E ata o de agora semellaba que no Concello de A Coruña (como se me enche a boca ao pronunciar estes días esta primeira vogal) non se decataran da cuestión. Hai que agradecerlle a Paco Vázquez e a Losada o seu traballo como alcaldes, xa que foron as súas accións as que ao final fixeron que a cidadanía decidise que xa estaba ben de tanta maioría absoluta e que xa eran horas de mudar as caras da Casa Consistorial da cidade.

O BNG entra agora no goberno do concello con aires novos e con ganas de rematar asuntos pendentes que non facían máis que crispar o ambiente e gastar cartos en pleitos absurdos: estaba claro que nos sobraba un L.  A iniciativa de Ermitas Valencia, concelleira de Normalización Lingüística,  finaliza un quita e pon de adornos florais á entrada da cidade e a un querer levar a contraria dos que se crían señores feudais dunha terra que non lles pertencía.

 Porque A Coruña,  ademais de coruñeses de “toda la vida”, de cascarilleiros, de turcos, de “pijos” e familias “bien”, de “buah, nenos” coas súas respectivas “jas”, tamén ten nos seus barrios xente que veu de concellos limítrofes e doutros máis distantes na xeografía, que tivo como lingua nai o galego e que, posiblemente, por presión social relegou a lingua ao ámbito familiar e adoptou o castelán para os demais quefaceres da súa vida coruñesa. Pouco a pouco, e gracias á xuventude que chega á Coruña falando galego, aos neofalantes que o adoptan como vehículo de expresión e a proxectos políticos como os do departamento de Xuventude e Normalización Lingüística, a cidade deixará de ser a marxinada de Galiza e pasará a ser outra de tantas, onde un día non resultará estraño que te atendan en galego en calquera tenda, restaurante ou banco.

A verdade é que o uso do topónimo oficial e o fin de La Coruña non levantou polémica: o que é xusto, é xusto. De toda a vida.

Comentarios