Seguen baixando os casos en residencias nunha xornada con 9 altas e ningún novo contaxio

Quedan 40 usuarios con covid-19 en xeriátricos, 17 traballadores e catro residentes en centros de discapacidade
Manos de un anciano. PIXABAY
photo_camera Manos de un anciano. PIXABAY

Os casos en residencias de maiores continúan en descenso e sitúanse xa por baixo do medio centenar  tras unha xornada na que as autoridades sanitarias informan de nove altas de usuarios e ningún novo contaxio. 

Deste xeito, segundo os datos ofrecidos este domingo pola Consellería de Política Social, son 40 os casos activos de coronavirus nos xeriátricos galegos, que suman outros 17 traballadores contaxiados. 

As altas corresponden a seis usuarios da residencia DomusVi Laraxe do municipio coruñés de Cabanas, un da Mi Casa de Ferrol, outro da Blanco Amor de Boborás e, finalmente, un residente da vivenda comunitaria Urzáiz, en Vigo. 

Ademais, as autoridades sanitarias informaron na tarde do sábado o falecemento dunha muller de 95 anos no Hospital do Barco diagnosticada con covid-19 que procedía da residencia de Carballeda de Valdeorras. 

Con estas variacións, a DomusVi Laranxe mantense como primeiro foco dos xeriátricos galegos, con 15 casos activos, seguida do centro Mi Casa de Ferrol, que ten 14. Tras estas, está La Milagrosa da Coruña, pero só con cinco infectados. 

Ademais, O Casón de Moeche ten dous usuarios contaxiados, mentres que hai outro catro residencias cun caso de covid-19 cada unha: DomusVi Carballo, vivenda comunitaria Urzáiz de Vigo, Viana do Bolo e Xardín Castro Lareira de Salceda.

TRABALLADORES. En canto aos traballadores destes centros, o total de casos activos descendeu a 17 após dúas altas, a dun empregado da San Bartolomeu de Xove e a doutro na Nosa Señora de Mundil de Cartelle. 

DomusVi Laraxe tamén é o principal foco entre os traballadores, con catro infectados. Con dous casos nos seus cadros están Mi Casa de Ferrol e a residencia San José de Arzúa. 

Mentres tanto, contan cun único caso a San Bartolomeu de Xove, o Fogar Residencial de Cerceda, o xeriátrico de Caranza en Ferrol, a Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, a Servisenior de Brión, a residencia da Pastoriza, As Gándaras de Lugo, Nosa Señora do Carme de Sarria e DomusVi Ribadumia.

CENTROS DE DISCAPACIDADE. No que respecta aos centros de atención á discapacidade (CAPD) de Galicia, o total de contaxiados descende a catro despois de rexistrarse 6 altas nas últimas horas repartidas na Pai Menni de Betanzos (3) e o centro Aspanaes das Pontes (3). 

Así as cousas, o primeiro deses centros ten agora dous contaxiados e un o das Pontes. Ademais, Nuesta Señora de Fátima y Cristo Rey de Crecente continúa cun caso entre os seus residentes. 

Por último, este domingo hai só un empregado de centros de atención á discapacidade con covid-19 activo. Pertence ao cadro da DomusVi Bóveda. 

Comentarios