A consulta de En Marea sobre Paula Quinteiro comeza este martes

Ese mesmo día, as bases de Podemos pronunciaranse sobre a permanencia nos seus cargos dos líderes de Podemos, Pablo Iglesias e Irene Montero

Paula Quinteiro e Carmen Santos. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Paula Quinteiro e Carmen Santos. PEPE FERRÍN (AGN)

A consulta aos inscritos de En Marea sobre o futuro da deputada Paula Quinteiro comezará este martes ás 10.00 horas, o mesmo día no que, ás 17.00 horas, as bases de Podemos se pronunciarán sobre a permanencia nos seus cargos dos líderes de Podemos, Pablo Iglesias e Irene Montero, tras a compra dunha casa na serra madrileña cunha hipoteca de 540.000 euros. 

Dáse a circunstancia de que ambas as consultas afectan a militantes de Podemos, posto que Paula Quinteiro, ademais de deputada do partido instrumental, é inscrita da formación morada e a coincidencia de ambos os plebiscitos valeulle ao portavoz de En Marea, Luís Villares, para reivindicar a que el defende para a parlamentaria galega. 

Afíns a Paula Quinteiro e a propia deputada, que se viu envolvida nun incidente coa Policía Local de Santiago o 18 de marzo durante un control nocturno, mostráronse moi críticos coa decisión de En Marea de someter un asunto "privado" a consulta das bases, xa que alegaron que non era unha cuestión política estratéxica. 

Pola súa banda, voces como a do viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, mostráronse partidarios de levar a cabo, en lugar dunha consulta, un proceso revogatorio para ofrecer "garantías" á deputada na defensa da súa postura. Mentres que o atestado policial daquela noite di que a deputada "dificultou" a identificación de persoas do seu grupo, Paula Quinteiro defendeu que o único que fixo foi identificarse para "intermediar". 

A unhas horas de que comece a consulta de En Marea, cuxo resultado se coñecerá o xoves pola mañá de forma oficial, Luís Villares comparou ambas as preguntas á militancia. "Se é positivo formular unha consulta, con máis razón éo formular unha consulta cando é sobre algo que non é estritamente persoal e está vinculado ao político", defendeu. 

Mentres, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, quixo diferenciar entre ambas, Aínda que cre que as dúas "son excesivas", a de Pablo Iglesias e Montero responde a unha "cuestión de confianza", mentres que a de Quinteiro, insistiu, non segue "os procedementos regulados" para a revogación dun cargo nos estatutos de En Marea.

PREGUNTA DA CONSULTA. As bases de En Marea, cun censo duns 2.400 inscritos, deberán contestar "si" ou "non" á seguinte pregunta: "*Consideras que Paula Quinteiro debe dimitir do seu cargo como deputada do Parlamento galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?". 

No marco deste proceso, o pasado venres, a dirección de En Marea enviou aos inscritos os argumentos para levar a cabo o proceso, nos que se defende que o que se busca é fixar posición política sobre o ocorrido. "Non se trata", apunta o documento, de "ningún proceso disciplinario", senón da "fixación das bases políticas sobre as que é posible construír unha práctica política transformadora". 

Pola súa banda, Paula Quinteiro esgrimiu a súa "indefensión". Na carta remitida aos militantes, remarcou que non incumpriu "ningún punto" do código ético de En Marea nin actuou "fóra da liña política". 

Próximos á deputada, que xa dixo que non se sentirá vinculada ao resultado da consulta e que non ten pensado dimitir, impulsaron un manifesto no que chaman a non participar e que pouco antes da consulta superaba as 600 firmas, aínda que neste caso non fai falta se membro de En Marea para poder sumarse ao documento. 

Comentarios