O Consello das Mareas aspira a celebrar primarias antes de fin de ano

Os críticos culpan á dirección de "usurpar funcións"

Luís Villares y David Bruzos. PEPE FERRÍN
photo_camera Luís Villares y David Bruzos. PEPE FERRÍN

O Consello das Mareas -máximo órgano político da organización- acordará, nunha reunión que se celebra este sábado en Santiago, propor á Comisión de Garantías e ao Comité Electoral unha data, que será "antes de fin de ano", para retomar o proceso interno de renovación da dirección do partido, paralizado desde o pasado 1 de decembro, tras detectarse "irregularidades" no censo electoral.

Así o avanzou, en declaracións aos medios momentos antes da reunión, o membro do máximo órgano do partido instrumental Xurxo Triñanes, quen explicou que, con todo, non serán "nin a coordinadora nin o Consello os que levanten" o veto ao proceso.

Segundo as súas palabras, as "irregularidades" detectadas, polas que xa se elaboraron dúas auditorías -unha interna e outra externa-, correspóndense con dous membros do Comité Electoral, órgano formado por maioría do sector crítico coa actual dirección, que "querían dar altas e baixas de xente que non estaba correctamente inscrita" en En Marea.

Ademais, momentos antes de comezar o Consello, fixeron declaracións tres dos seus membros pertencentes ao sector crítico, Oriana Méndez, Paula Rodríguez e Daniel Calvete. Este último explicou que "non" ían participar na reunión "porque é unha burla e unha estafa".

"Houbo un plenario no que se tomaron unha serie de acordos que non se están cumprindo", esgrimiu, para despois denunciar que é a coordinadora, un "órgano en funcións", a que "usurpa as funcións do Comité Electoral". "Esta reunión non ten ningún tipo de sentido", remachou.

Así as cousas, Calvete esixiu "convocar de forma inmediata as eleccións", xa que, ao seu modo de ver, "está demostrado" que "non houbo manipulacións do censo" e que se "puido votar" a fin de semana do 1 de decembro.

Comentarios